Preséntase o proxecto “A Vila do Mañá”

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este mércores, 28 de xuño, a presentación do proxecto “A Vila do Mañá”.

686

Trátase dun proxecto no que están implicados os departamentos de Urbanismo, Cultura e Mocidade

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este mércores, 28 de xuño, a presentación do proxecto “A Vila do Mañá”. Trátase dun novo obradoiro didáctico de urbanismo e patrimonio, a través do cal os nenos/as e mozos/as de Ames poderán coñecer máis polo miúdo os espazos nos que viven, así como deseñar unha estratexia de futuro para mellora o seu entorno.

A presentación do proxecto A Vila do Mañá correu a cargo do concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos, Blas García, do concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, que ten delegadas as competencias de Patrimonio, e da directora e responsable do proxecto, Sandra González Álvarez. Trátase dun proxecto no que están implicados os departamentos de Urbanismo, Cultura e Mocidade. Este proxecto púxose en marcha no concello de Rianxo e, ademais de levarse a cabo en Ames, desenvolverase por distintos municipios galegos e de España.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos, Blas García, explicou que “Ames é un dos concellos que mellor se adapta a este proxecto porque é o municipio coa poboación máis nova de toda Galicia. Así, coñeceremos como ven o noso concello os nenos e nenas da Escola de verán e mailos mozos e mozas amesáns. O realmente interesante deste proxecto é saber o que cambiarían e mailo que manterían os nenos e nenas de Bertamiráns e no Milladoiro. Unha vez rematadas as actividades, agardamos poder publicar o resultado do traballo para poder comprobar a percepción que teñen os rapaces e rapazas das localidades onde viven e tamén ver as principais diferencias existentes nas opinións achegadas polos nenos/as de Bertamiráns e do Milladoiro”.