Baixo o lema “Axúdanos a debuxar o seu sorriso” o evento realizarase o venres, 30 de xuño, ás 20.30 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. O prezo do menú será de 30 euros para os adultos e de 15 euros para os rapaces e rapazas de 6 a 12 anos. Para os nenos e nenas de ata 6 anos a entrada será gratuíta. Destes importes, 5 euros son de donativo.
A adquisición das entradas e a participación a través da fila cero pódese facer premendo aquí. As entradas entán á venda en tres establecementos comerciais e hostaleiros de Bertamiráns (Don Budi, Imperfect e Secretos de Tocador) e noutros tres do Milladoiro (cafetería Casa da Cultura, Fátima Prego Estilistas e Nonna & Go).
Federico Martinón Torres, xefe e coordinador do Servizo de Pediatría do CHUS e máximo responsable da Obra Social Pediatría, agradeceu a colaboración do Concello de Ames, da Xuntanza de Empresarios de Ames e de Albarín Catering. “No servizo de pediatría do CHUS temos moi claro cal é o noso lema: coidar dos nosos rapaces non só consiste en asistilos na enfermidade, senón que debe ser unha axuda máis integral. O coidado non só se debe facer no aspecto médico, senón tamén no eido psicolóxico, social e educativo, a través da investigación”, sinalou. “A Obra Social Pediatría creouse para canalizar ese tipo de axuda, para mellorar todo aquilo que aínda é mellorable. Para iso fan falta recursos, que tratamos de conseguir a través deste proxecto e da xente que se suma á iniciativa”.
Así mesmo, Federico Martinón Torres fixo fincapé na importancia da investigación, mencionando que “achega solucións cando non existen ou, polo menos, trata de poñer remedio ás limitacións que temos os médicos á hora de atender aos pacientes e ás súas familias”.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “Ames é un concello solidario grazas a súa veciñanza que cando ten ocasión mostra o seu apoio aos eventos e actividades solidarios que se organizaron dende o Concello ou nos que o Concello colaborou. Estou seguro que nesta ocasión esta iniciativa tamén vai contar co apoio dos veciños e veciñas de Ames e dos concellos da contorna. Ademais, Ames é o concello galego máis xoven e debido a iso o concello con máis porcentaxe de rapaces e rapazas en idade pediátrica”.