Primeira xuntanza entre Blas García e Xosé Sánchez Bugallo

288

O alcalde de Ames, Blas García, e mailo rexedor de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, mantiveron onte un encontro no Pazo de Raxoi, sede do goberno compostelán, para abordar os asuntos que afectan á veciñanza de ambos os dous concellos. Entre estes atópase liña de transporte a Ortoño, os convenios relativos aos servizos de auga e saneamento ou o parque comarcal de bombeiros.

Ambos rexedores salientaron a cordialidade da xuntanza. O novo alcalde de Ames, Blas García, destacou que “esta é a miña primeira visita institucional aos concellos limítrofes, que é algo que me plantei dende o principio. A verdade é que plantexamos que fora Santiago porque nos unen moitas  situacións, servizos, e moitos veciños e veciñas de Ames que diariamente se desprazan a este concello a traballar e a outra cousas”.

En relación coa liña de transporte a Ortoño,  o alcalde de Ames explicou que “trasladeille ao alcalde de Santiago a necesidade e importancia que ten esa liña para nós, sobre todo para os veciños desas tres parroquias afectadas, e a necesidade de firmar un convenio, que foi ademais no que quedamos hai uns días coa Dirección Xeral de Mobilidade, para que este autobús poida empezar a funcionar canto antes”. Blas García tamén dixo que se marcan “un prazo para que, se puidera ser, no mes de maio, ter o servizo funcionando durante eses seis meses que quedamos con Mobilidade”.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou “pola nosa parte non haberá ningunha dificultade. Trataremos de buscar unha solución a través do transporte metropolitano ou tamén, se a Xunta estivera de acordo, a través da prolongación da liña de Laraño. Calquera das dúas solucións, a nós nos vai valer, polo tanto eu creo que foi unha reunión útil e positiva”.

Auga e saneamento
Os servizo relativos a auga e saneamento tamén estiveron presentes na conversa. Blas García sinalou que “compartimos servizos nalgunhas zonas, a auga do Milladoiro chega de Santiago e nós en Ames facemos algúns vertidos nunha depuradora de Santiago”. Ambos rexedores sinalaron a necesidade de asinar os pertinentes convenios “para adaptarnos ao novo escenario”, como sinalou Sánchez Bugallo. O alcalde Ames tamén coincidiu en que é necesario “regularizar toda esa situación a través da sinatura dos correspondentes convenios. É un tema que nos importa e nos urxe, non só a Ames e a Santiago, senón tamén a outros concellos da comarca”.

Parque de bombeiros
Sobre a situación do parque comarcal de Bombeiros, tanto García como Sánchez Bugallo recalcaron a necesidade de dar un pulo ao asunto. “O que queremos é que se solucione o tema e que haxa un parque que dea servizo a toda a comarca”, sinalou o alcalde de Ames, tamén deputado provincial encargado dos servizos de emerxencias. “Hoxe quedamos de volver facer unha reunión coa Xunta e informar aos concellos limítrofes” co obxectivo de que “neste mandato quede enfocado o tema. Ogallá tamén en funcionamento”, abundou Blas García.

Por último, tamén se falou do proxecto que permitirá conectar de xeito peonil, inicialmente, e a través dunha senda ciclable, con posterioridade, os núcleos de Santiago e O Milladoiro.

Esta xuntanza enmárcase dentro do programa de reunións que manterá esta semana o rexedor de Ames cos alcaldes da comarca. Deste xeito, hoxe reúnese co alcalde de Teo, Rafael Sisto, e mañá xoves co alcalde de Brión, Pablo Lago.