Programación de actividades municipais do Nadal 2022

143

A programación do Nadal do Concello de Ames inclúe unha ampla oferta de actividades que se estenderán ata o día 8 de xaneiro. En total, durante 30 días terán lugar obradoiros, concertos e espectáculos para todos os públicos. Nesta ocasión, ademais, recupéranse algunhas das propostas que non puideron desenvolverse durante os dous últimos anos por mor da pandemia, como as prebadaladas de Fin de Ano. Así mesmo, os rapaces e rapazas poderán desfrutar dunha cabalgata protagonizada polos Reis Magos en Bertamiráns e no Milladoiro, e as súas maxestades achegaranse tamén ao rural amesán.

O programa deuse a coñecer nun acto no que participaron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens; a concelleira de Cultura, Natividade González; e mailo presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Jorge López.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explicou que “queremos que este ano o Nadal se celebre nas nosas prazas e rúas, e por iso na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, e na praza da Maía, de Bertamiráns, teremos carpas para todas estas actuacións. Entre todos os veciños e veciñas de Ames e os visitantes da contorna temos que axudar a dinamizar as nosas rúas e dinamizar o noso comercio e hostalaría local”.

Pola súa banda, o presidente de XEA, Jorge López indicou que “desde XEA estamos, unha vez máis, colaborando no Concello nesta dinamización que fan durante estas festas do Nadal. Este ano imos contribuír para que todos aqueles nenos que se presenten ás actividades instaladas nas carpas poidan participar nun sorteo de 850 euros, que vai estar repartido entre un premio de 200, outro de 150, un de 100 e vinte premios de 20 euros, para gastar entre os nosos asociados. Desde XEA loubamos o traballo do Concello nestas festas e queremos animar a todo o mundo a que participe nelas, e, por suposto, a que consuma nos nosos locais e dinamicemos entre todos o noso concello”.

A concelleira de Cultura, Natividade González, agradeceu ao departamento de Promoción Económica e á súa concelleira a implicación na organización das festas do Nadal. “Temos, coma sempre, unha intensa e extensa programación de Nadal. Desde Cultura propoñemos catro concertos, os tradicionais concertos de Nadal e de Reis dos nosos grupos de música tradicional e o das corais. Este ano súmase outro concerto de Nadal, de cámara. A EMMA será a encargada de dar o pistoletazo de saída á programación, cunha actuación o sábado 10”.

Manuel Lens, en representación do departamento de Medio Ambiente, subliñou que “dende Medio Ambiente entendiamos que non podiamos quedar fóra da programación de Nadal, e estamos a participar, como todos os anos, con actividades moi interesantes. Empezamos o 17 de decembro, cunha xornada financiada pola Deputación, Estrelas de Nadal, que se vai levar a cabo no pavillón do colexio de Agro do Muíño. O día 18 temos un obradoiro de postais de Nadal, con material natural. Para rematar temos o campamento de Nadal da Aula da Natureza, do día 27 ao día 30, onde se van desenvolver varias actividades culturales diferentes que se fan cos rapaces e que están tendo moito éxito”.

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, que pechou as intervencións, agradeceu a todos as concellarías o seu traballo conxunto para lograr crear un programa enfocado nos cidadáns e no impulso ao comercio local. O rexedor municipal recordou que “o ano pasado tivemos que tomar unha decisión dura, suspender varias das actividades. Esperamos que este ano se poidan desenvolver con normalidade. Temos ademais infinidade de actividades novas, concertos variados e propostas da Aula da Natureza, para todos os grupos de idade”. Por último, Blas García destacou a aposta do Concello por levar a visita dos Reis Magos a todos os recunchos de Ames.

O programa dará comezo este sábado, 10 de decembro, cun acto de acendido das luces de Nadal que se celebrará na Casa do Concello, en Bertamiráns, ás 18:00 horas. O acto contará cunha actuación dos rapaces e rapazas da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA), e os asistentes poderán desfrutar dunha degustación de chocolate con churros.

Por outra banda, o 16 de decembro, de 10:00 a 13:30 e de 16:00 a 20:00 horas terá lugar unha nova edición de InnovAmes, unha xornada de xuntanza entre as empresas amesás que se celebrará no pavillón deportivo do Milladoiro. O obxectivo do proxecto é achegar as últimas tendencias do mundo da innovación dos negocios de Ames a todos os públicos, xerando un espazo de aprendizaxe e diálogo no que se poidan intercambiar coñecementos.

Obradoiros de manualidades

Dentro da programación de Nadal está previsto que se desenvolvan dous obradoiros de manualidades organizados polas bibliotecas municipais: o venres 16 terá lugar un na biblioteca do Milladoiro, ás 17:30 horas, mentres que o sábado 17, ás 11:30, haberá outro na de Bertamiráns.

Por outro lado, celebraranse os “talleres e xogos do mundo”, nos que se traballará con elementos típicos do Nadal. Deste xeito, os días 28, 29 e 30 de decembro haberá instalados na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, e na praza de Chavián, en Bertamiráns, diversos obradoiros: de creación de xabóns personalizados e naturais, de coroas de Nadal, de calcetíns con motivos navideños, de galletas artesanais, de chuches saudables e de chaveiros.

O horario será, os tres días, de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas, e para acceder tan só é necesario presentar un tícket de compra no comercio ou na hostalaría local. As mesmas entradas empregadas para participar nos “talleres e xogos do mundo” servirán para entrar nun sorteo de vales por valor de 850 euros, que se poderán canxear nos locais asociados á Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).

A Aula AMTIC tamén se suma aos obradoiros de Nadal, e organiza unha serie de talleres de creación de felicitacións de Nadal coa linguaxe de programación visual scratch. Terá lugar o luns 26 e o martes 27 para nenos e nenas de 7 a 12 anos e o mércores 28 e xoves 29 para rapazada a partir de 13 anos, ambas xornadas de 11:00 a 12:30 horas.

Concertos para todos os públicos e AmesON de Nadal

O domingo 18 de decembro, ás 19:00 horas, celebrarase un concerto de Nadal na Casa da Cultura de Bertamiráns no que actuarán diversos grupos de baile e música tradicional. O mércores 21 haberá unha nova cita musical, un concerto de cámara, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:00 horas. Finalmente, o domingo 8 de xaneiro terá lugar o Concerto de Reis, coa participación das agrupacións corais de Ames. Será ás 19:00 horas. Os convites para os tres eventos poderán descargarse na Billeteira electrónica do Concello de Ames. 

Como vén sendo habitual durante os últimos anos, tamén se celebrará o AmesON de Nadal. Por unha banda, organízase a actividade “Isto é rock”, que ten como obxectivo lograr un espazo para que as familias poidan xuntarse a desfrutar da música. Será o xoves 22 de decembro, ás 20:00 horas, na praza da Maía de Bertamiráns.

O xoves 28 ás 20:00 horas, na praza de Manuel Murguía, haberá un concerto solidario a favor de Art For Dent, a asociación galega da enfermidade de Dent, para cuxa investigación conseguen fondos coa organización de eventos relacionados coa arte e a cultura.

Visitas Disney

Para celebrar o Nadal, algunhas das personaxes de Disney achegaranse a Ames para que os nenos e nenas poidan desfrutar con elas. O luns 26 de decembro estarán en Bertamiráns, mentres que o martes 27 se achegarán ata o Milladoiro. Celebraranse dous pasarrúas en ambas xornadas, de 11:00 a 12:00 horas e de 17:00 a 18:00 horas. Así mesmo, o luns de 12:00 a 13:00 e de 18:00 a 20:00 estarán na praza da Maía, mentres que o martes, nese mesmo horario, achegaranse á praza de Manuel Murguía. 

Fotomatón con Papá Noel, prebadaladas e Gran Festa de Reis

Papá Noel tamén visitará Ames. O venres 23 de decembro pasará pola praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, mentres que o sábado 24 estará na praza da Maía, en Bertamiráns, onde haberá instaladas carpas. Os cativos e cativas que acudan terán á súa disposición un fotomatón e recibirán un regalo.

O día 31 de decembro terán lugar, unha vez máis, as prebadaladas de Fin de Ano, na Praza do Concello, de 11:00 a 14:00 horas. Esta actividade só puido celebrarse nunha ocasión, no ano 2019, e logrou gran éxito entre a veciñanza, de maneira que este ano volverá a formar parte da programación.

Por outra banda, o Concello organiza tamén unha Gran Festa de Reis. Os días 3 e 4 de decembro está programada unha recepción ás súas maxestades nos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro. Por outro lado, está previsto que os Reis Magos visiten tamén as parroquias, e farano o xoves 5, de 10:00 a 14:00 horas. Para finalizar o seu recorrido por Ames, o propio día 5, de 17:00 a 20:00 celebraranse sendas cabalgatas no Milladoiro e en Bertamiráns, e os pavillóns municipais acollerán tamén unha xuntanza de fin de festa.

Actividades da Aula da Natureza

Paralelamente, a Aula da Natureza está a organizar unha serie de propostas de Nadal. Entre os días 27 e 30 de decembro terá lugar un Campamento de Natureza para cativada de entre 6 e 16 anos. Así mesmo, o sábado 17, no colexio Agro do Muíño haberá unha actividade astronómica, “Estrelas de Nadal”. Por outra banda, o domingo 18 celebrarase un obradoiro de creación de postais de Nadal con material natural, tamén para rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos. Todas actividades contan con límite de prazas, polo que é precisa inscrición previa.

Para máis información sobre a programación de Nadal pódese contactar coa concellería de Promoción Económica, no enderezo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal, coa de Cultura, no correo cultura@concellodeames.gal ou escribindo a auladanatureza@concellodeames.gal