A programación teatral do primeiro semestre de 2018 inclúe 11 espectáculos para público infantil e adulto

522

A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o vindeiro venres, 19 de xaneiro, a  primeira das obras da programación teatral para o primeiro trimestre do ano: Nacidas Libres

 

A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o vindeiro venres, 19 de xaneiro, a representación da primeira das obras encadradas dentro da programación teatral para o primeiro trimestre do ano: Nacidas Libres. A peza, que estará interpretada por Mónica Camaño, Susana Dans, Casilda Alfaro e Rocío González, abordará o rescate por parte da policía de tres monxas indias retidas, contra a súa vontade, nun convento de clausura en Santiago. As entradas para esta obra, que dará comezo ás 21:00 horas, xa están á venda na Billeteira electrónica. Así mesmo, as entradas tamén poden ser mercadas, de xeito anticipado e presencial, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse, como é habitual, para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo. A programación semestral de teatro do Concello de Ames integra a representación de 10 obras máis ata maio.

“Catro actrices que atravesan esas idades nas que corren o risco de desaparecer do mundo do espectáculo, fartas de non recibir ofertas de traballo, deciden autoempregarse e montar unha peza, xuntándose nunha aula de cultura, hai anos pechada, dunha entidade bancaria, que hai anos cambiou de nome” é o punto de partida da obra “Nacidas Libres”, de Contraproducións S.L, que dará inicio este venres, 19 de xaneiro, á programación semestral de teatro do Concello de Ames.

As actrices, en vista de que non atopan textos para catro mulleres, aventuraranse a promovelo elas mesmas, encomendándollo a unha escritora nova que vive emigrada, partindo dunha noticia aparecida nos xornais: o rescate, por parte da policía, de tres monxas indias retidas contra a súa vontade nun convento de clausura en Santiago. A peza, que estará protagonizada por Mónica Camaño, Susana Dans, Casilda Alfaro e Rocío González, porá, deste xeito, o foco na liberdade e na xustiza desde a perspectiva das mulleres.

A Casa da Cultura de Bertamiráns será o espazo escollido para a representación da obra “Nacidas Libres”, cuxo autor é o dramaturgo Cándido Pazó e que conta coa dirección de Cristina Domínguez. “Nacidas Libres” dará comezo ás 21:00 horas. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica. Así mesmo, tamén se poden adquirir, de xeito anticipado ou presencial, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. Como é habitual, o 10% das entradas reservaranse para vender, presencialmente, desde unha hora antes do comezo do espectáculo. A entrada ten un prezo de cinco euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné. A obra está destinada a un público adulto.

Teatro para un público adulto

O 23 de febreiro, ás 21:00 horas, a programación teatral para público adulto volve á Casa da Cultura do Milladoiro, coa obra “HOUSE Desaforado”. A peza, que é unha produción de Teatro do Morcego, xirará arredor de Vítor, un home que se sente abandonado pola comunidade e que fai grandes esforzos por atopar o seu lugar. O 2 de marzo, á mesma hora, as tres compoñentes da Panadaría traerán a Bertamiráns a obra “Elisa e Marcela”, que relatará, en chave de humor, a historia destas dúas mulleres que en 1901 casaron na igrexa de San Xurxo na Coruña.

O 16 de marzo, a compañía Ibuprofeno Teatro, representará na Casa da Cultura do Milladoiro a peza “Casa O’Rei”, coa que completa a súa triloxía gastronómica xunto con “O Furancho” e “Raclette”. A obra basease nun xogo escénico e dramatúrxico do “Rei Lear” do inglés William Shakesperare, neste caso, ambientado nunha típica casa de comidas galega. “O servidor de dous amos”, de Talía Teatro, será representada na Casa da Cultura de Bertamiráns, o 13 de abril. Con esta obra, a compañía realiza unha revisión deste clásico da historia do teatro, referente por excelencia da Commedia dell’Arte, respectado o ritmo, a comedia e o humor da peza orixinal, mais incorporando novas formas de teatralidade. Ambas obras comezarán ás 21:00 horas.

Teatro infantil e para as familias

 O 26 de xaneiro, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, ás 18:00 horas, a representación da obra de teatro infantil “Animais de compañía”. A peza, unha produción de Teatro do Noroeste, relatará a historia de Maxa, unha gata que se sentía un ser humano coma outro calquera. A obra estará destina a crianzas maiores de seis anos. O 2 de febreiro, representarase, na Casa da Cultura de Bertamiráns, a obra “A danza da choiva”, da compañía Elefante Elegante. Destinada a un público entre os tres e os nove anos, a peza, que é un espectáculo de teatro xestual, con danza, manipulación de obxectos e monicreques, abordará o que acontecería se, de súpeto, deixase de chover para sempre. Haberá dúas sesións: unha escolar ás 12:30 horas e unha sesión xeral ás 18:00h. As entradas para estas funcións xa están dispoñibles na Billeteira electrónica.

A obra “PUM PUM”, de Baobab Teatro S.L, será representada na Casa da Cultura do Milladoiro, o 9 de marzo. A peza, que estará centrada na nena Marieta que ten unha porta que garda un segredo, tamén contará con dúas sesións: ás 12:30 haberá unha sesión escolar e ás 18:00h unha xeral. A obra estará dirixida a un público maior de 5 anos. O 6 de abril, tamén ás 18:00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns, acollerá a representación “Os fabulosos CLEANERS” da man de Malasombra Producións, acerca de dous expertos operarios da limpeza que descobren, por casualidade, as posibilidades das súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón.