Próximas melloras nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro

231

O Concello de Ames vén de anunciar as próximas melloras nas instalacións dos seus dous centros socioculturais, as Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. As obras centraranse no vestíbulo, escaleiras e backstage. Tamén incluirán a instalación dunha nova iluminación.

No edificio do Milladoiro, cambiarase o alumeado do vestíbulo e substituiranse as varandas da primeira planta por unha de vidro para mellorar a circulación e a visión. Ademais, melloraranse os despachos e a sala de usos múltiples e pintaranse as paredes. Construirase tamén un espazo con cmabiador para bebés.

Na Casa de Cultura de Bertamiráns cambiarase o alumeado auditorio, das balizas das escaleiras, cadro de acendidos, proxectores LED de 13w e luminarias tipo regleta de luz suave de 58w. Ademais, vanse substituír todas as portas interiores. No distribuidor da planta primeira, substituirase o pavimento, así como nas escaleiras de acceso a ese primeiro andar.

Na área de acceso lateral ao escenario do auditorio vaise reorganizar o espazo para obter un almacén, unha zona de acceso ao palco e unha sala de lactancia com cambiador para bebés. Tamén se van pintar as zonas de vestíbulo da planta baixa, do distribuidor da planta primeira, así como da zona das escaleiras.

A concelleira de Cultura Natividad González, considera “moi necesario mellorar as instalacións dos equipamentos culturais do concello” e lembra que as Casas da Cultura “son empregadas para realizar moitos eventos culturais ao longo do ano”.

O contrato das obras foi aduxidcado en Xunta de Goberno local á empresa Área Proyección, Construcción e Servicios S.L.U., por un valor de 96.800 euros. O contrato durará catro meses.