Publícase o borrador do proxecto de ordenación produtiva da aldea modelo de Ferreiros, en Agrón

89

O DOG vén de publicar os acordos de sometemento a información pública dos borradores de guía e proxectos de ordenación produtiva da aldea de Ferreiros, na parroquia de Agrón, e outras tres dentro do proxecto de aldeas modelo. O borrador do proxecto de ordenación produtiva é un documento técnico no que se delimitan os usos produtivos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas na aldea modelo de Ferreiros, dende o punto de vista económico, técnico, social e ambiental. O prazo de presentación de observacións e achegas é dun mes a partir de hoxe (dende o día seguinte da publicación no DOG).

Mediante o acordo do Concello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, de 23 de agosto de 2022, foi declarada a aldea modelo de Ferreiros, ao amparo da Lei 11/2021 do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Deste xeito, Ferreiros converteuse na primeira aldea modelo da provincia da Coruña. Abrangue un total de 9,83 hectáreas, distribuídas en 128 parcelas de 52 titulares catastrais. Nesta aldea, o proxecto de ordenación produtiva establece como actividade principal a gandería en extensivo e os cultivos agrícolas complementarios á explotación. Como actividades secundarias, os cultivos de horta e leñosos, principalmente plantación de froiteiras e castiñeiros para obtención de froito. Considérase en toda a aldea como actividade complementaria o aproveitamento apícola.

O concelleiro en funcións de Medio Ambiente, Manuel Lens, destaca que “se dá un paso máis trala declaración en agosto de 2022 de Ferreiros como aldea modelo”. O alcalde de Ames en funcións, Blas García, explica que “seguimos avanzando na aldea modelo de Ferreiros, desta volta coa publicación do borrador do proxecto de ordenación produtiva para que estea en exposición publica durante o prazo dun mes”.

Por último, engadiu que “o sistema de aldeas modelo que promove a Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Rural é, ademais, perfectamente compatible co plan de incendios posto en marcha polo Concello de Ames en 2017 e que leva máis de 5.000 árbores plantadas e 20 hectáreas repoboadas”.