PxA acusa ao Goberno de adxudicar a dedo 900.000€ en 22 meses

598

Os de Argibay afirman que só o 16% foron licitacións abertas a pública concorrencia competitiva. De 167 contratos, o 91%, medio millón de euros, foron a dedo, segundo unha nota de Pacto por Ames

 

“A dedocracia na concesión de contratos está funcionando a perfección no concello de Ames”, afirma en un comunicado PXA. Nos últimos 22 meses, segundo se deriva do análise efectuado polo Grupo Municipal deste partido, “o goberno tripartito fai todo o contrario do que dixo que ía a facer incumprindo de forma moi clara outra das súas promesas”.

A “nova política” insisten, “leva adxudicados a dedo case que 900.000€ e nin a Concelleira de Podemos, responsable de Economía a Facenda, nin o alcalde Miñones poñen remedio a esta situación a pesares de que no parágrafo segundo da páxina 3 do Programa de goberno do Concello de Ames 2015-2019 figura textualmente o compromiso de a Aprobación dunha instrución de contratación pública no concello, onde todos os contratos serán sometidos á publicidade e concorrencia”.

Dos 167 contratos asinados neste período, o 91,85% foron adxudicados a dedo directamente a unha soa persoa, entidade ou empresa, o resto oscilan entre os 12 contratos onde soamente se invitaron entre dúas e tres entidades, empresas ou persoas, e soamente 10 con máis de tres invitados. Atrás quedan todas aquelas promesas que fixeran e anunciaran con toda a pompa naquel acordo de goberno de xullo de 2015.

Moi preocupante tamén é o baixo nivel das licitacións abertas nestes últimos 22 meses xa que  soamente son 32, o que supón tan só 1,4 licitacións abertas cada mes, un pobre bagaxe que demostra a carencia na xestión deste goberno tripartito onde o seu maior valor é a publicidade e a propaganda.

Si facemos a comparación coa totalidade dos contratos, remata a nota de PxA, os datos volven a ser moi pobres, “tan só o 16% dos contratos feitos polo tripartito son licitacións abertas a concorrencia competitiva, o que supón que, o 84% dos contratos que se fan no concello están pechados a concorrencia competitiva pública”.