Recepción no Concello de Ames ás nenas e nenos saharauís que volven este domingo á casa

198

Aínda que a pandemia obrigou a detelo durante dous anos, Ames volve colaborar co programa Vacacións en Paz da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). Hai máis de 20 anos que esta iniciativa permite acoller durante o verán a nenas e nenos saharauís en lares galegos. Neste 2022 hai cinco nenas e nenos acollidos en familias amesáns ata o domingo 4. O xoves 1 de setembro foron recibidos no salón de plenos da Casa do Concello por representantes do Goberno municipal e da Corporación, entre eles o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo. Ademais, no acto tamén participaron algunhas familias de acollida, así como Esther Ybarra, representante na comarca de SOGAPS. Saktu, Mariam, Jalihena, Nayem e Ahmed puideron así coñecer a Casa do Concello nesta a súa última semana en Galicia.

“Hai 184 nenos e nenas en Galicia co programa Vacacións en Paz, en principio contabamos con seis para familias de Ames, dos que ao final puidemos desfrutar de cinco. Este domingo estaremos no aeroporto de Vigo ata que o avión cos nenos e nenas despegue, pero Vacacións en Paz 2022 non rematará ata que as familias chamen e digan que están nos campamentos cos seus fillos”, sinalou precisamente Esther Ybarra, que destacou o apoio recibido polo Concello, “independentemente da cor política”.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo, quixo agradecer ás familias “a súa xenerosidade” á hora de retomar o programa despois da pandemia. “Ademais do que levan eles, a vós tamén vos aportou moito, estamos moi agradecidas porque Vacacións en Paz non é nada sen as familias e sen o traballo que fai SOGAPS. Oxalá que non tiveramos que seguir traballando neste senso porque iso significaría que o Sáhara por fin sería libre. Mentres non sexa así, oxalá que siga habendo máis familias coma vós”.

Por último, o alcalde de Ames, Blas García, puxo en valor a longa colaboración do Concello de Ames con SOGAPS e o programa Vacacións en Paz. “Podo dicir que pase o que pase no futuro, imos seguir colaborando, e se é posible, farémolo en maior medida. Todos desexamos que esta situación non tivera que ser así, que o Sáhara fose libre e que estas nenas e nenos vivisen con normalidade”.