O equipo xuvenil gañou a final de Liga contra o equipo de Compañía de María
O alcalde, José Miñones, xunto con varios membros da corporación municipal recibiron no salón de plenos da Casa do Concello aos equipos de fútbol sala das EDM das categorías xuvenil e infantil, que quedaron campións de fútbol sala da Liga de Santiago, e ao equipo da categoría cadete que quedou subcampión. Estes tres equipos son xestionados polo Milladoiro SD. Ademais, o equipo alevín de fútbol sala das Escolas deportivas, xestionado polo Bertamiráns FC, proclamouse campión provincial e subcampión galego, despois de ser tamén campión da Liga de Santiago.
Os equipos das categorías xuvenil, cadete e infantil lévaos o Milladoiro SD. O equipo xuvenil gañou a final de Liga contra o equipo de Compañía de María; o equipo cadete quedou subcampión tras perder na final ao Burgo de Santiago; e o equipo infantil quedou campión despois de vencer ao Santiago Fútsal.
Por outra banda, o equipo alevín de fútbol sala das EDM de Ames, xestionado polo Bertamiráns FC, revalidou o campionato de Liga da zona de Santiago tras vencer na final ao Santiago Fútsal por 6-2. Ademais, este equipo proclamouse campión provincial ao gañar na final por 7 a 3 ao equipo de Exalcohólicos da Coruña, e quedaron subcampións galegos. Este domingo, 7 de maio, xogaron na Coruña a final galega. No partido de semifinais gañáronlle ao Ancoradoiro de Pontevedra (campión da provincia de Pontevedra) por 13 a 4, e na gran final, que disputaron contra as Escolas deportivas de Ourense (campión da provincia de Ourense) perderon por 1-3.