Reciclaxe nas bibliopiscinas

523

O servizo de bibliopiscinas remata o vindeiro xoves, 31 de agosto

Entre conto e conto, e xogo e xogo, as usuarias e usuarios das bibliopiscinas de Ames tamén tiveron tempo de realizar un obradoiro de reciclaxe, no que se fixeron uns divertidos dinosauros con rolos de papel hixiénico e tres en raia con cortiza. O servizo de bibliopiscinas remata o vindeiro xoves, 31 de agosto.

O verán está a piques de rematar, porén, nas bibliopiscinas de Ames, continúan a organizarse actividades. A última delas foi a realización dun obradoiro de reciclaxe, no que as nenas e nenos usuarios deste servizo puideron realizar dinosauros con rolos de papel hixiénico e tres en raia con cortiza. Alén desta, tamén se seguen a desenvolver outras actividades, tanto de carácter lúdico como de animación a lectura.

Asemade, ao longo deste verán as bibliopiscinas tamén están a contar cun espazo itinerante sobre igualdade de xénero, que está a recorrer as tres bibliopiscinas existentes en Ames. O espazo, que inclúe obras como Sopa de cabaza ou Eu vou comigo, procura ensinar ás nenas e nenos, dunha forma sinxela e entretida, os valores necesarios para acadar a igualdade entre homes e mulleres.

O vindeiro xoves, 31 de agosto, as bibliopiscinas de Ames pechan ata o próximo verán. Ao longo dos meses de xullo e agosto, este servizo contou con libros e xogos tradicionais e de mesa para as máis pequenas e pequenos da casa, así como xornais e libros para un público máis adulto. Asemade, o servizo de bibliopiscinas tamén incluíu a realización de diferentes actividades e obradoiros, como o recentemente realizado de reciclaxe. Para o último día estase a preparar unha programación especial.