O Certame Literario do Concello de Ames celebra neste 2023 a súa vixésima edición batendo récords de participación con respecto a anteriores anos. Se no 2022 participaron 152 textos, nesta ocasión son 167 os traballos que terá que revisar o xurado para escoller ás persoas gañadoras.
A categoría con maior participación foi a sección para persoas maiores de 18 anos na modalidade de poesía, á que se presentaron 67 traballos. Na mesma franxa de idade na modalidade narrativa obtivéronse 50 obras. Nas outras dúas categorías de poesía, dirixidas a persoas de menos de 13 anos e a autores e autoras de entre 14 e 17 anos, recibíronse 14 e 8 textos, respectivamente. Do mesmo xeito, na categoría de narrativa nesas mesmas franxas de idade, presentáronse 13 e 15 traballos, respectivamente. En total, participan no concurso 89 textos poéticos e 78 textos narrativos. Premendo nesta ligazón podes consultar a listaxe completa dos textos e autores.
Dende o Servizo de Normalización Lingüística amosan a súa satisfacción porque o certame se volva a situar, un ano máis, como un concurso de referencia para moitos autores e autoras en lingua galega, e porque acade, de novo, altas cifras de participación.
Os encargados de xulgar os textos desta edición serán o poeta e profesor Ismael Ramos Castelo, a docente e escritora Anna R. Figueiredo e a mestra, música e poeta Andrea Porto Mato. A súa decisión farase pública o día 5 de xuño a través das redes sociais e da páxina web do Concello de Ames. Catro días despois, o 9 de xuño, terá lugar a entrega de premios na Casa da Cultura do Milladoiro.