A construción do complexo deportivo do Milladoiro está máis próxima logo de que o pasado día 11 se pechase o trámite de exposición pública do estudo de viabilidade da concesión de obra pública para a construción desta instalación deportiva municipal. As instalacións do complexo deportivo do Milladoiro situaranse na parcela da rúa Agro do Medio, que está contigua ao novo centro de saúde da localidade.
O complexto terá unha superficie de case 3.500 metros cadrados e tres andares. Urbanizarase a zona, creándose unha nova praza pública de 1.300 metros cadrados. O complexo deportivo terá unha planta subterránea con garaxe e contará con prazas para 68 vehículos e 9 motocicletas, e dúas prazas adaptadas.
Por outra banda, na planta baixa haberá unha zona de recepción e unha zona con dúas piscinas; unha de 12,5 por 25 metros para albergar distintas competicións de deportes acuáticos; e unha segunda piscina de 12,5 por 8 metros de aprendizaxe. A primeira das piscinas terá gradas con aforo para 200 persoas e con servizos e accesos propios. Na planta baixa tamén se vai a construír unha zona de servizos complementarios de spa. As dúas piscinas estarán en zonas independentes cuns vestiarios propios.
A cuberta do edificio albergará actividades deportivas ao aire libre (ioga, pilates, crossfit, etc). Tamén se habilitarán tres salas para realizar actividades de fitness, e unha sala máis ampla de 750 metros dedicada a ximnasio, para realizar exercicio cardiovascular e muscular. Tamén haberá un espazo de solarium.