Remata o Obradoiro ForestAmes-Brión

0
27

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu, esta mañá, o acto de entrega de diplomas aos 19 alumnos e alumnas do obradoiro dual de emprego ForestAmes-Brión. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García; o alcalde de Brión, Pablo Lago; o Delegado Territorial da Xunta de Galicia Gonzalo Trenor e a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz. Remata deste xeito un obradoiro que comezou en decembro de 2020 e onde ao longo de 1496 horas de formación os alumnos acadaron o Certificado de profesionalidade “Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas”.  

Estes obradoiros, nos que colaboran economicamente tanto a Xunta coma ambos os dous municipios, permiten formar a persoas en ocupacións de futuro e realizar traballos de interese social e ambiental na comunidade “investíronse máis de 13.300 horas de traballo en campo para limpar faixas auxiliares de pista e defender núcleos rurais contra incendios. Acabamos de rematar a limpeza de preto de nove quilómetros de pistas e a plantación con frondosas autóctonas en 12 hectáreas” explicaba o director do obradoiro, Andrés Novo. Novo quixo, ademais, felicitar aos alumnos e ás alumnas polo traballo realizado e en especial a aqueles que van comezar a traballar a vindeira semana.

O alcalde de Ames, Blas García, quixo agradecer a participación do Delegado Territorial da Xunta de Galicia neste acto de entrega dos diplomas pero, tamén, á conselleira de Emprego e Igualdade por apostar polo emprego e por estes obradoiros no Concello de Ames. E destacou “este traballo é froito da colaboración entre os Concellos de Ames e Brión pero tamén coa administración autonómica. Esta colaboración ten que ir un paso por diante e impartir cursos adaptados ás necesidades dos veciños e das veciñas e ao mesmo das empresas como poden ser nas áreas da construción, do sector servizos, das TIC`s ou das enerxías renovables”. García rematou poñendo en valor o traballo de aposta polo emprego que se realizou no Concello de Ames nos últimos anos “dende o ano 2005 preto de dúas mil persoas pasaron polos distintos cursos de formación, acadando unha alta taxa de inserción laboral”.

O delegado da Xunta felicitou aos profesores e aos alumnos polo resultado dos traballos realizados neste taller de formación e recalcou que “agora todos os alumnos estades mellor preparados para atopar un emprego”. Neste senso, lembrou que os participantes combinaron un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, e optaron a un contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. “O obxectivo – incidiu – é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”.

Na clausura o delegado da Xunta informou tamén da resolución completa dos novos obradoiros de emprego dirixidos aos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes para o ano 2021-2022 que permitirá a realización dun total de 10 talleres na comarca de Santiago, dos cales 6 deles son de carácter dual ordinario, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e 4 dirixidos a persoas mozas, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Emprego e Igualdade investirá en políticas activas de emprego na área de Santiago máis de 3,5 millóns de euros

Os obradoiros duais incluirán os de Ames compartido con Brión, centrado en montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. Esta mesma semana publicáronse as bases para a selección do alumnado traballador e persoal do obradoiro de emprego Renova IV. Neste obradoiro 20 alumnos van recibir formación específica durante 9 meses.

Tamén haberá obradoiros en Arzúa compartido con Boimorto e Santiso; Ordes compartido con Frades e Mesía; Padrón compartido con Rois e Dodro, Santiago de Compostela e Val do Dubra compartido con A Baña, Negreira e Santa Comba. Pola súa banda, os obradoiros de garantía xuvenil impartiranse en Teo compartido con Boqueixón e Vedra; en Santiago de Compostela; en Rois e na Mancomunidade de Ordes.

Estes obradoiros permitirán que un total de 184 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de garantía xuvenil de 6 meses.

DEJA UNA RESPUESTA

Please enter your comment!
Please enter your name here