Rematadas as obras do parque verde central do Milladoiro

288

O Concello anunciou hoxe a finalización das obras de acondicionamento do parque verde central do Milladoiro. O alcalde, Blas García, e a concelleira Susana Señorís visitaron as obras xunto á zona de instalacións deportivas, Casa da Cultura e IES. Este proxecto, adxudicado a CYS HISPANIA SL por algo máis de 130.000 euros, forma parte do Plan Impulsa Ames, que se enmarca dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI).

O obxectivo deste proxecto é gañar unha zona de esparexemento e paseo na parte alta do núcleo urbano con zonas de descanso, camiños e áreas de xogo nunha superficie de 12.000 metros cadrados de extensión. Deste xeito, creouse medio quilómetro de novas sendas peonís; acondicionáronse os accesos ao parque segundo a normativa de accesibilidade; instalouse un novo sistema de alumeado LED con 23 novas luminarias; 2 mesas de tenis de mesa; un novo mobiliario urbano (8 bancos e mesas), 14 papeleiras e 2 fontes (unha delas accesible); e un novo sistema de drenaxe e rego automático. Tamén se plantou nova vexetación, 35 carballos, 9 abeleiras e enredadeiras en 9.500 metros cadrados.

Ademais, acondicionouse o espazo verde da zona alta do Milladoiro que está conectado, a través dunhas escaleiras e unha rampla accesible, coa Travesía do Porto, que foi urbanizada en 2018 e na que se investiron 245.993 euros. Nesta mesma zona tamén se fixo unha rehabilitación das pistas polideportivas e das piscinas descubertas, construíuse un parque infantil accesible, instaláronse diferentes elementos biosaudables, e construíuse un anfiteatro e un parque de calistenia para á mocidade.

Tras meses de execución, o parque abriu as súas portas. O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “abrir esta zona verde, que xa existía pero estaba moi descoidada, é moi importante para os e as veciñas do Milladoiro porque cobre unha das demandas históricas que é a de contar con espazos verdes, de paseo e ocio. Esperamos que sexa a primeira de outras zonas que se abran no Milladoiro para que a poidan desfrutar a xente de aquí e doutros lugares”.

Ademais, Blas García engadiu que: “aquí fíxose unha actuación importante con fondos europeos, valorada en máis de 100.000 euros. Seguiremos a traballar para que este espazo verde se consolide como o lugar do Milladoiro onde as persoas maiores e a mocidade desfrute das súas tardes de lecer”.

A concelleira Susana Señorís salientou: “creemos que vai ser unha zona de esparexemento, tanto para as crianzas como para maiores. Está moi preto de zonas de ocio como as piscinas municipais, a Casa da Cultura ou o pavillón. Ademais, esta zona vai servir de enlace coa de nova expansión do Milladoiro e creemos que este será un novo espazo de desfrute para todas as persoas, sobre todo, para a mocidade que neste Concello somos moitos. Agardamos que sexa para todos e todas un sitio moi agradable”.