Rematado o VI Campus de Fútbol 8 do Bertamiráns FC

O VI Campus de Fútbol 8 do Bertamiráns FC finalizou cunha xornada chea de deporte e diversión.

703

As nenas e nenos puxeron en práctica todo o aprendido ao longo dos cinco días de duración do campus

Entre o 26 e o 30 de xuño, 100 rapazas e rapaces, entre os 6 e os 14 anos, participaron no VI Campus de Fútbol 8 do Bertamiráns FC. Ao longo dos cinco días, as e os participantes aprenderon nocións específicas sobre xogo, mais tamén tiveron a oportunidade de gozar do tempo libre con diferentes actividades de carácter lúdico. O campus desenvolveuse no Campo Municipal de Bertamiráns.

No último día do VI Campus de Fútbol 8 do Bertamiráns FC, as 100 rapazas e rapaces participantes puideron demostrar todo o que tiñan aprendido durante estes días. Desta maneira, pola mañá leváronse a cabo distintas competicións arredor dos principios técnicos traballados en días anteriores: conducción, control, pase e regates. Despois, a media mañá, fixeron un descanso para gozar da piscina e para repor forzas cun picnic; xa que a seguir ían realizar máis competicións, nomeadamente sobre desmarques, entradas e marcaxes.

Deste xeito, tras as ensinanzas técnicas, as nenas e nenos puxeron en práctica todo o aprendido ao longo dos cinco días de duración do campus. Na clausura, estivo presente o Presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, e o Secretario Técnico do Club, Sergio Penas.