Reordenación das zonas de estacionamento municipais

O Goberno municipal traballa na reordenación e mellora das zonas estacionamento municipal para a mellora dos veciños e veciñas.

510

O goberno municipal está negociando cos propietarios da parcela que está pegada ao leiraparking que se atopa detrás do local da Policía Local e do departamento de urbanismo

O Concello de Ames vén de rematar os traballos de pintado do aparcadoiro do pavillón municipal de Bertamiráns. Esta área de aparcamento presta servizo aos usuarios do campo de fútbol, da piscina municipal e do propio pavillón. Ademais, durante o curso escolar, neste lugar aparcan moitos dos pais e nais que teñen aos seus fillos/as escolarizados no CEIP da Maía. A tráves deste traballos habilitáronse 82 prazas de estacionamento para vehículos, 2 para persoas con diversidade funcional e 4 para motocicletas.

Por outra banda, o goberno municipal está traballando na mellora doutras áreas de aparcamento como é a que se atopa ao carón do campo de fútbol do Milladoiro. Neste lugar vanse realizar traballos de pintado. Asemade, nesta área executáronse unhas escaleiras que unen o polígono do Novo Milladoiro con dito aparcadoiro co obxectivo de que poida ser usado ao longo de toda a semana tanto polos usuarios/as do campo de fútbol como das persoas que traballan no parque empresarial do Milladoiro. O goberno tamén está traballando na reordenación dos espazos verdes do devandito polígono para crear novas prazas de estacionamento.

A maiores en Bertamiráns o goberno municipal está negociando cos propietarios da parcela que está pegada ao leiraparking que se atopa detrás do local da Policía Local e do departamento de urbanismo. Así, estase negociando para asinar unha cesión temporal desta parcela de 4.400 metros cadrados co obxectivo de que poida ser usada como aparcadoiro e para desenvolver nela diferentes actividades municipais. No Milladoiro vanse a reordenar as prazas de estacionamento do aparcamento do Supercor e ampliar o aparcadoiro que se atopa entre as rúas Agro da Madalena e Cereixos.