Reparto de material escolar dos centros educativos

338

Arredor de 1.000 estudantes recibirán nos seus fogares os libros de texto, ordenadores e material escolar do terceiro trimestre do curso 2019/2020. O goberno municipal ofreceu a súa colaboración aos equipos directivos dos centros escolares de Ames, dependentes da Xunta de Galicia, debido á situación de alarma sanitaria motivada polo COVID-19 e ás limitacións na mobilidade para desprazarse até os colexios por parte das familias.

Ante a ausencia de resposta oficial por parte da Xunta de Galicia ao escrito que o Concello lle remitiu o 19 de abril, o executivo local ofreceuse a realizar e dotar de medios o reparto con 8 equipos de traballo de dúas persoas. Este martes, 21 de abril, comezou a distribución do material dos centros educativos que así o solicitaron, o que permitirá chegar aos fogares de preto de 1.000 estudantes  ao longo desta semana e poder facilitar a continuidade das actividades lectivas ata o final do curso. 

No dispositivo de reparto participan, ademais dos propios centros escolares, voluntariado de Protección Civil, persoal municipal da Brigada de Obras e da Rede Municipal de Comedores Escolares, coordinados pola Concellaría de Educación. O Concello de Ames agradece o esforzo que están a realizar todas as persoas que participan no reparto e a colaboración das familias.