Resultados definitivos: o PP gaña con claridade en Ames, cunha importante suba do BNG

481

Co 100% escrutado, os datos das eleccións autonómicas en Ames deixan ao PP como claro gañador, ao subir case tres puntos porcentuais fronte a hai catro anos e superar a barreira do 45% dos votos. Por detrás, pero cun resultado que triplica os votos de 2016 cun 28% sitúase o BNG. 

O PSdG-PSOE practicamente iguala os resultados das anteriores eleccións autonómicas, cedendo algo menos dun punto. Podemos supera o 5% por pouco e Vox e Ciudadanos quedan moir debaixo desa cifra. 

O BNG viviu, pois, o maior incremento en votos destas eleccións autonómicas. O seu portavoz municipal, David Santomil, destacou que se trata dun “resultado histórico triplicando os apoios de 2016 e dando continuidade á remontada iniciada en 2015” e en boa posición para “traballar para ser a alternativa no goberno da Xunta de Galicia” en 2024. 

Blas García, segundo tenente de alcalde do Concello polo PSdG-PSOE, congratulouse polo “moi destacable compromiso cidadán” pero recoñeceu que se impuxo “a marca Feijoo”. Sobre os resultados dos socialistas, recoñeceu que se trata duns “malos resultados” e reflexionou que “algo fallou cando hai un ano o PSdeG obtivo uns resultados que lle permitiron gobernar en máis de 100 concellos e 3 deputacións, e uns meses antes gañar unhas eleccións xerais”.

Genma Otero, portavoz de Contigo Podemos e terceira tenente de alcalde do Concello, mostrou o seu respecto pola decisión dos votantes e a súa tristeza ante un resultado, o do espazo de cambio en que se integra Podemos arredor da candidatura Galicia en Común, que o deixa fóra do Parlamento de Galicia. A portavoz cuestionou os alicerces da organización en Galicia e reclamou unhas siglas e proxecto claro, ademais de lamentar o abandono de “capital humano imprescindible” no partido. Puxo en valor o “grande labor que Podemos está a facer no goberno do Estado”. 

Pola súa banda, Quique Otero, portavoz de Ames Novo, sinalou que os resultados proban que o PP “sabe vender ben o que fai, e mesmo o que non fai”. Indicou que as “formacións á esquerda do PSOE, pese ao espectacular crecemento do BNG, perden peso parlamentario” e identificou este retroceso coa falta de unidade que o electorado primaría. “As forzas políticas dese espectro terán que reformular moitas cousas se queren ter un horizonte de acabar coas maiorías absolutas do PP”, aseverou.