Reunión de coordinación entre o Concello e a empresa do servizo de monitorado dos programas de conciliación de Ames

114

O concelleiro de Educación, David Santomil, vén de realizar unha xuntanza coa empresa adxudicataria do servizo de monitorado dos programas de conciliación do Concello de Ames. O obxectivo da reunión foi a preparación e mais a coordinación do comezo do curso lectivo. Es mes entra en vigor o novo contrato do servizo de monitorado destes programas, adxudicado por unanimidade no pleno do pasado mes de marzo. O contrato, adxudicado á empresa A Billarda por preto de tres millóns de euros, inclúe os servizos de comedores escolares, “Bos Días Cole” e “Tardes Divertidas”.

Tras esta rolda de reunións, o concelleiro quixo destacar “a importancia deste novo contrato, que blinda a rede de monitorado para os próximos anos e que permitirá seguir a facer de Ames un lugar de referencia para a atención nos programas de conciliación da vida laboral e familiar”.

O servizo de monitorado dos programas de conciliación é un dos contratos máis importantes asinados polo Concello. Adxudicado por case 3 millóns de euros, durará inicialmente dous anos, cunha posible prórroga anual ata chegar aos catro. Divídese en tres lotes, sendo o máis destacado o dos comedores con case 2.100.000€. O segundo lote inclúe o servizo en horario de almorzo “Bos Días Cole” e foi adxudicado por 334.817,62 euros, O terceiro, o servizo “Tardes Divertidas”, foi adxudicado por algo máis de medio millón de euros.

O Concello adxudicou recentemente a construción da central de lavado dos comedores escolares de Ames, por un importe de 147.437,09 euros. Trátase da primeira fase dun proxecto co que máis adiante se abordará a centralización das dúas cociñas dos comedores do CEIP Agro do Muíño e a EEI do Milladoiro. Nesta segunda fase, prevista para o ano 2023, rematarase unha cociña dun total de 888 metros cadrados, incluída a área de lavado.