Santomil deixa a portavocía municipal na man de Escarlata Pampín e continuará coas responsabilidades orgánicas dentro do BNG

63

A  Asemblea local de Ames, celebrada o pasado xoves 18 de abril no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, escolleu como nova voceira a Escarlata Pampín, actual concelleira nacionalista. Na mesma xuntanza, abandonou o cargo de voceiro e a acta de concelleiro David Santomil.

Dun xeito máis que discreto, o BNG consolida a transición que en varias ocasións tiña anunciado o ata agora voceiro e candidato a alcaldía, David Santomil, que leva reincorporado oito meses ao seu posto de traballo.

Na nota informativa do BNG de Ames, recóllese a reflexión de Santomil sobre estes últimos aoito anos. O traballo do Grupo Municipal, recuperado en 2015, centrouse en continuar e ampliar ás áreas de xestión, as políticas e proxectos marca BNG. “Unhas políticas derivadas da escoita e do sentir das veciñas e veciños do concello”. Subliñou que neste período “destacan as negociacións levadas a cabo coa Xunta de Galiza para a ampliación de varios centros escolares e as xestións para lograr os investimentos necesarios para construír un novo colexio no Milladoiro”. Así como a xestión dos comedores escolares e os programas de conciliación municipal e iniciouse a construción da “cociña central” na antiga nave de obras en Bertamiráns. Ademais da declaración de Pontemaceira como Ben de Interese Cultural (BIC) que marcou un fito importante neste período para a protección dun dos principais elementos patrimoniais do concello de Ames e Negreira.

Pola súa banda, Escarlata Pampín dá continuidade ao traballo feito polo BNG, que se mostra como alternativa de goberno cun grupo municipal amplo, estable e con experiencia. “Afronto esta etapa como voceira do BNG con moitísima ilusión e coa certeza de que nas eleccións municipais do ano 2027 seremos a alternativa que nos levará ó cambio de goberno no noso concello” salienta Pampín.