O programa SaúdeAndo do Concello de Ames organiza 38 andainas durante 2023. A metade delas partirá e rematará do Milladoiro, e a outra de Bertamiráns. Tres delas celebráronse xa en xaneiro. Durante este mes de febreiro celebraranse outras catro (os días 2 e 16 dende Bertamiráns e o 9 e 23 dende o Milladoiro).
As andainas arrincan os xoves ás 17:30h, alternando Bertamiráns e o Milladoiro cada semana. Sempre acompaña un monitor de marcha nórdica, que instrúe a quen queira participar nesta modalidade.
Simultaneamente continúa a programación de andainas saudables durante as fins de semana, que se organizan unha vez ao mes e buscan complementar as actividades do programa SaúdeAndo completando recorridos de maior dificultade. Este sábado, 4 de febreiro, farase unha ruta de once quilómetros pola vila de Porto do Son, que arrinca na praia das Furnas e percorre o interior e mais a costa.