Saúl Berdullas Calviño, de 17 anos, promesa do tenis amesán

559

O tenista amesán Saúl Berdullas Calviño proclamouse campeon galego júnior de tenis logo de vencer na final a Dani García por 7-5 e 6-3. No mesmo torneo, celebrado en Lugo, acadou o título en dobres de parella de Ian Rodríguez. Berdullas xoga co club Family Pádel – Los Tilos. Esta boa racha rompeuse a semana pasada en Madrid no Marca Challenger Sub18, onde perdeu en cuartos de final 6-3 e 7-6.

O mozo ten como un dos seus obxectivos inmediatos disputar o Campionato de España en agosto en Barcelona. O xogador conta cunha dilatada traxectoria deportiva na que xa foi campión galego en infantil e cadete, e máis recentemente campión do 14º Torneo Internacional Cadete de Sanxenxo, en novembro de 2021.

En decembro de 2021 converteuse en campión no Máster Provincial de Tenis-Jealsa en Boiro, e foi o vencedor absoluto na edición 2021 do Open de Tenis de Negreira de abril.

Este deportista de 17 anos gañou no mes de decembro o Open de Nadal organizado polo Club de Tenis da Coruña, en categoría absoluta, e foi subcampión do máster galego absoluto celebrado en Vigo tamén no pasado mes de decembro.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou que “é un orgullo para o concello de Ames ter tan bos deportistas e de tanta calidade. Neste caso temos que felicitar a Saúl Berdullas Calviño polos dous últimos títulos conseguidos no campionato galego júnior disputado en Lugo hai unhas semanas. Desexámoslle que teña unha gran actuación no campionato de España que se vai disputar no vindeiro mes de agosto”.