Segue aberta a convocatoria para participar en Ames Radio

O próximo venres, 14 de xullo, pecha o prazo de presentación de proxectos radiofónicos para emitir en Ames Radio.

511

Calquera persoa individual, asociación ou entidade pode presentar a súa idea ata o próximo 14 de xullo

O Concello de Ames vén de dar a oportunidade á veciñanza de presentar os seus propios proxectos de programas de radio, para realizar en Ames Radio entre outubro e decembros deste ano. Desta maneira, calquera persoa individual, asociación ou entidade pode presentar a súa idea ata o próximo 14 de xullo. A relación dos proxectos presentados será exposta nos taboleiros oficiais do Concello e na súa web. Posteriormente, será o persoal técnico da emisora quen emitirá un informe de avaliación para o Consello Asesor da Radio, acerca de todos os proxectos recibidos (e en función dos criterios establecidos).

Radio de Ames será a encargada de facilitar o espazo físico, o equipamento e o persoal técnico necesario para a gravación dos programas. Malia que a emisión dos mesmos farase en función da grella de programación que aprobe a Comisión Asesora de Comunicación do Concello de Ames, procurarase respectar as propostas de emisión das persoas seleccionadas.

O obxectivo principal é achegar a radio municipal á veciñanza, de maneira que calquera persoa, asociación ou entidade do concello poida facer un programa de radio do seu interese. Porén, isto non está restrinxido ás veciñas e veciños de Ames, senón que calquera persoa asociación ou entidade poderá presentar tamén os seus propios proxectos, sempre que resulten de interese para o concello ou estean protagonizados por persoas (entidades ou colectivos) residentes ou nadas nel. A Radio de Ames acreditará a participación de todas as persoas colaboradoras mediante un diploma.