Segunda fin de semana de lume forestal en Covas

228

A parroquia de Covas volveu rexistrar un incendio forestal na fin de semana do 16 e 17 de abril, despois de sufrir dous incendios forestais máis na fin de semana anterior (11 e 12 de abril). Son xa que logo tres os incendios que tiveron lugar na zona durante as vacacións da Semana Santa.

A Xunta informou durante a mañá do domingo da extinción do último incendio na área de Ventosa, por riba da urbanización Pedra Dourada, que afectou unhas 20 hectáreas de monte arborado. O lume iniciárase ás 18,42 h. da tarde do sábado e foi extinguido ás 2,56 h. da madrugada do domingo. Para o seu control mobilizáronse en total 5 axentes, 14 brigadas, 8 motobombas, 1 pa, 4 avións e 3 helicópteros.

O alcalde de Ames, Blas García, lamentou que “volveron prenderlle lume á zona de Ventosa, e xa é o quinto lume en escasos meses na parroquia de Covas”. Pregúntase o rexedor “que intereses haberá ou que buscará o individuo que está a plantarlle lume ao monte”, e expreosu as súas esperanzas en que “o collan canto antes para que se faga xustiza e pague por todo o dano que está a ocasionar”.

Salientou García que “no lume de hoxe, por riba da urbanización de Pedra Dourada púxose en valor o programa de prevención municipal coa plantación de especies non pirófitas nas faixas de protección”. Agradeceu tamén a “rápida actuación dos medios de extinción”.

A pasada fin de semana Ames sufrira dous incendios nas proximidades.