Semana de concertos en Ames con Broken Peach, Thais Suki e a Escolanía da Catedral de Santiago

615

A meirande parte da programación de Nadal de Ames quedou suspendida a pasada semana por mor da situación epidemiolóxica do concello, mais o programa Ameson segue o seu curso, con máis medidas para reforzar a seguridade das persoas asistentes. Á entrada dos concertos pedirase o pasaporte covid e o público terá que estar sentado, para poder gozar das propostas de Broken Peach, a Escolanía da Catedral de Santiago e Thais Suki, que terán lugar ao longo desta semana. Os catro concertos celebrados durante a semana pasada tiveron unha gran acollida entre a veciñanza amesá, que se achegou durante as tardes de luns a xoves aos espectáculos nas prazas Manuel Murguía, no Milladoiro, e da Maía, en Bertamiráns. A entrada para estes eventos é de balde e o aforo completase por orde de chegada do público, que debe presentar o seu pasaporte covid á entrada e permanecer sentado durante a actuación.

Xa onte tivo lugar outra actuación de Paco Nogueiras na praza Manuel Murguía do Milladoiro, que repetiu concerto no Ameson en substitución do grupo amesá As Maianas, baixa polo confinamento dalgunhas das súas integrantes. Hoxe será a quenda dos Broken Peach, na foto principal desta noticia, que levarán á praza da Maía de Bertamiráns versións de grandes éxitos musicais.

O mércores 29, tamén en Bertamiráns, desta vez na praza do Concello, terá lugar o concerto da Escolanía da Catedral de Santiago, un dos coros con máis historia de Santiago de Compostela. Finalmente, o Ameson pecharao a cantante amesá Thais Suki o xoves 30. A vocalista, de nome real Thais Rudiño, será a protagonista da última actuación do ano no concello, na praza Manuel Murguía do Milladoiro.