A produtora audiovisual con sede na localidade do Milladoiro, Serea Films, vén de recibir este pasado sábado o premio Mestre Mateo a mellor documental por Os espazos en branco.
Trátase dunha crónica na que o director do documental, Bruno Arias, afonda na figura pública de Xela Arias para atopar nela unha persoa: a súa tía.
Os espazos en branco é un diálogo coa ausencia, unha viaxe polos camiños da memoria. Unha carta entre o presente e o pasado. Os espazos en branco é unha crónica do intento de Bruno de ir máis alá da figura pública de Xela Arias e atopar nela unha persoa: a súa tía. Como podes amar a alguén que non coñeces? Que parte do que somos provén de imaxes que non temos? Canto hai de persoa nos recordos que quedan sobre ela? Preguntas universais que describen un conflito interno, unha contradición, unha ferida a curar a través da ferramenta que mellor explora os sentimentos humanos: o cine.
Álvaro Liste, produtor en Serea Films, xunto con Bruno Arias, director do documental, foron os encargados de recoller o premio a este documental no que participan as actrices Melania Cruz, Sheyla Fariña e Lidia Veiga. Esta última presentou a gala dos Mestre Mateo xunto con Miguel Canalejo e participa no espazo de Radio Cidadá de Ames Radio co Exército Mekemeke.