Sergio Calvo, da Escola Ames Xadrez, campión galego sub-12

317

Sergio Calvo, membro da Escola Ames Xadrez de dez anos, obtivo a vitoria no campionato galego para nenos de ata 12 doce anos. Foi nun emocionante torneo no que conseguiu sete puntos de oito posibles, con seis partidas gañadas e dúas táboas. Grazas a este triunfo, Sergio poderá participar no Campionato de España sub-12, que se celebrará no mes de xullo.

O equipo de Xadrez de Ames contou con nove participantes máis nas tres categorías nas que houbo campionato, sub-10, sub-12 e sub-16. Na categoría sub-10 participaron Unai Casares, Alejandro e Ariadna López, Sergio Munín e Diego Carballo. En sub-12 participaron Sergio Calvo e Noel Leis. E en sub-16 Noel Casares e Pedro Varela.

Unai conseguiu o sétimo lugar na categoría de sub-10, con cinco puntos e medio dun total de oito, loitando durante todo o torneo cos primeiros clasificados. Alejandro, quen participaba no seu primeiro campionato galego sub-10, e Fernando, o xogador máis pequeno do torneo con seis anos, conseguiron clasificarse entre os vinte primeiros. Pola súa banda, Sergio e Diego conseguiron tres puntos e medio moi valiosos e Ariadna logrou clasificarse entre as dez primeiras nenas da competición.

Na categoría de sub-12 Noel Leis fixo tamén un gran torneo, conseguindo clasificarse no sétimo lugar, con seis puntos de oito posibles, empatado co terceiro clasificado. Na categoría sub-16 tamén fixo moi bo torneo Noel Casares, quen, pese a competir nunha categoría superior a súa idade, logrou clasificarse no undécimo posto. Nesta categoría tamén participou Pedro Varela, quen logrou uns moi meritorios tres puntos e medio nunha categoría cun gran nivel.

Estes resultados súmanse aos que conseguiron os nenos e nenas da Escola Ames Xadrez nos campionatos galegos sub-8 e sub-14, que se celebraron tamén en Padrón no mes de febreiro. Neste caso, na categoría sub-8 participaron Fernando Carregal, que quedou sétimo, Ariadna López e Valeria Amado, que gañaron tres e dous puntos respectivamente.

Na categoría sub-14 participaron seis rapaces da Escola Ames Xadrez: Noel e Unai Casares, Pablo Martín, Alejandro López, Daniel Ferreiro e Pedro Fondo. Na súa categoría, Noel Casares conseguiu un gran quinto posto, con cinco puntos e medio, empatado co terceiro clasificado. Alejandro e Unai participaron nunha categoría superior, conseguindo tres puntos e medio e tres puntos, respectivamente. Pablo conseguiu catro puntos e Daniel e Pedro, que debutaban nun torneo galego, conseguiron dous puntos e medio e dous puntos.