Sete medallas para o Millaraio nos campionatos de Galicia sub18 e sub20

283

Fin de semana de competición para os deportistas do club MillaRaio, que conseguiron resultados de mérito a nivel galego. Nos campionatos de Galicia sub18 e sub20 de pista cuberta, celebrados en Ourense esta fin de semana, o MillaRaio conseguiu subirse ao podio ata en sete ocasións. O sábado 19, oito atletas participaron no campionato sub18, obtendo seis medallas. Destacaron as actuacións de Álvaro Francos, ouro en salto con pértega e sexto nos 60m valos, e de Daniel Cariñena, que conseguiu dous metais ao rematar terceiro a proba dos 200m e ao gañar a de salto de lonxitude, cunha marca de 6,75m que lle permitirá estar no campionato de España de pista cuberta.

En triplo salto, Roi Rial e David García foron prata e bronce, mentres que en salto de altura, Noel Ferraces, e de novo David García e Roi Rial foron terceiro, quinto e sétimo, respectivamente. Ademais, Alejandro Jiménez rematou sexto nos 200m e oitavo en salto de lonxitude; Matías Barca quedou duodécimo nos 60m, e Irene Rodiles foi cuarta na súa semifinal de 60m. Pola súa banda, onte domingo 20 tiveron lugar os campionatos sub20, nos que o único representante do MillaRaio, Diego Liñares, realizou un gran papel, levando a medalla de bronce nos 60m valos e rematando quinto nos 60m lisos.

Unha semana antes, no campionato de Galicia absoluto de pista cuberta, celebrado en Ourense o pasado día 12, dous atletas sub18 do MillaRaio realizaran boas actuacións nunha categoría superior á súa. Daniel Cariñena foi quinto no salto de lonxitude, cun salto de 6,43 metros no que mellorou a súa mellor marca en 40 centímetros. Roi Rial tamén foi quinto, desta vez no triplo salto, cunha marca de 12,69 metros.

Tamén o sábado 12, 33 atletas participaron no campionato provincial Xogade de campo a través, no que destacou a actuación do equipo sub16 masculino, que rematou segundo a súa proba. Tamén se subiu ao podio o sub14 Mateo Dagnac, que foi terceiro na súa categoría. Cos seus resultados, tanto o equipo sub16 como Dagnac clasificáronse para o campionato galego, xunto co sub12 Samrawit Aller e a sub14 Ariadna Gómez. Finalmente, este domingo 20 celebrouse o campionato galego Xogade de campo a través en Lourenzá, no que o equipo sub16 masculino, composto por Lucas Pena, Adrián Sesar, Nadir Moreira, Hugo Santos e Bran Liste acadou a sexta posición. Participou na modalidade individual a sub14 Ariadna Gómez.