Sexualidade e acoso como trama da comedia “Golfa”, este venres na Casa da Cultura de Bertamiráns

195

“GOLFA” conta a historia de Amanda, unha adolescente que tras terminar a súa relación con Fran comeza a sufrir un terrible acoso virtual, o que leva aos seus pais a denunciar ao rapaz, que queda apartado do seu instituto. A tensión aumenta cando a nai de Fran, Vicky, aparece na porta de entrada ao centro e insulta a Amanda gravemente, chamándoa “golfa”. Unha semana despois, aparece ben visible un graffiti con esta mesma palabra.

Tras esta rápida escalada nos acontecementos, a xuíza do caso propón que Amanda, Fran e a súa nai, Vicky, asistan a un encontro en liña co sexólogo Jordán Gómez, coa particularidade de que este evento será de libre acceso e pasando lista. Durante a obra, o público presenciará esta charla de sexoloxía, na que os protagonistas se verán as caras e tratarán de defender as súas posicións.

Orixinalmente programada para o 25 de marzo como parte do itinerario de actividades polo 8M, a comedia transmedia “GOLFA” representarase este venres 8 de abril, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.