Sobre 1.200 familias puideron saudar aos Reis Magos en Bertamiráns e no Milladoiro

45

As Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar visitaron un ano máis as vilas de Bertamiráns e do Milladoiro, para poder estar con todas a cativada de Ames antes da noite de Reis. Co obxectivo de que as Súas Maxestades de Oriente puideran recibir a pequenos e adultos, o Concello habilitou os pavillóns polideportivos de ambos núcleos. Deste xeito, durante o martes 4 e mailo mércores 5 de xaneiro, en horario de mañá e tarde, arredor de 1.200 unidades familiares pasaron polos pavillóns para poder saudar e falar con Melchor, Gaspar e Baltasar. Ademais, 100 rapaces e rapazas, que non puideron acudir á Recepción Real por mor dun confinamento por coronavirus, recibiron nos seus domicilios un pequeno agasallo e puideron falar cos Reis Magos a través de videochamada.

A pesar da incidencia actual por Covid, a maxia do Nadal fixo posible que os Reis Magos estivesen en Ames un ano máis antes da noite de Reis. A Recepción Real realizouse os días 4 e 5 de xaneiro, en horario de mañá e tarde. Como na edición anterior, tamén marcada pola situación epidemiolóxica, as rapazas e rapaces puideron fotografarse coas Súas Maxestades, falarlles ou mesmo entregarlles cartas e debuxos, mais sempre respectando a distancia de seguridade interpersoal.

Para facilitar a asistencia de pequenos e adultos, púidose solicitar cita previa a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Deste xeito, contabilizáronse arredor de 1.200 solicitudes de diferentes unidades familiares para acudir a ver aos Reis Magos. Aínda así, houbo algunhas familias que non sabían que había que solicitar cita previa, pero que tamén foron atendidas por Melchor, Gaspar e Baltasar.

Ademais, este ano as rapazas e rapaces que tiveron que estar confinados durante esta semana, puideron solicitar que os Reis Magos lles enviasen un pequeno agasallo aos seus domicilios. Así, 100 nenas e nenos recibiron nos seus domicilios un agasallo e puideron falar cos Reis Magos por vídeo chamada.Cómpre destacar a colaboración da Agrupación de Protección Civil de Ames para achegarlle os agasallos ás nenas e nenos confinados. Os primeiros agasallos foron enviados por correo postal o día 30 de decembro, mentres que os días 4 e 5 de xaneiro foron entregados de xeito presencial polo persoal de Protección Civil.  

As empresas amesás de ocio infantil Biosbardos e Retumban Risas foron as encargadas de xestionar este evento, deseñar os escenarios e vestiarios e contratar ao persoal necesario para que a recepción aos Reis se desenvolvese de xeito seguro. Durante os dous días das visitas, as dúas empresas encargáronse da xestión da Recepción Real de Bertamiráns e do Milladoiro.

O alcalde, Blas García, acompañado da concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e doutros/as concelleiros/as do grupo de Goberno, acudiron o mércores pola mañá á Recepción Real no Milladoiro e pola tarde á de Bertamiráns. En ambos casos puideron falar con Melchor, Gaspar e Baltasar que estaban moi satisfeitos polo bo comportamento das nenas e nenos de Ames durante o último ano. O rexedor municipal tamén lle contou aos Reis as peticións do Goberno municipal de cara ao vindeiro ano.    

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou “o éxito da Recepción Real na que moitas familias amesás puideron gozar coa visita dos Reis. Este ano tamén quixemos ter un detalle coas nenas e nenos confinados por mor da situación epidemiolóxica. Deste xeito, 100 rapazas e rapaces puideron recibir un agasallo na súa casa enviado polos Reis Magos”. Por último, Paz agradeceu o traballo das empresas amesás Biosbardos e Retumban Risas para organizar este evento, así como do persoal do departamento de Promoción Económica, polo traballo feito na organización da programación de Nadal, e do persoal de Protección Civil pola súa colaboración tanto nos pavillóns como no reparto das cartas e agasallos nos domicilios dos nenos e nenas confinados”.