Tapia acolle unha regata este sábado

227

O club de piragüismo Ribeiras do Tambre, a Concellaría de Deportes de Ames e mais a Federación Galega de Piragüismo organizan a Regata Provincial – Circuíto praia fluvial de Tapia, que se celebrará esta fin de semana reunindo 350 deportistas de 10 clubes distintos. A proba conta cun percorrido de 1.500 metros polo río Tambre e terá lugar este sábado 6 na praia fluvial de Tapia, desde as 4 da tarde. Esta é a quinta proba das seis que conforman o I Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña, no que compiten as categorías bases dos clubs da provincia.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, sinalou que para Ames “sempre é un pracer acoller probas deportivas de calquera tipo, e se son en Tapia mellor aínda porque para nós é un tesouro. Alí é onde o Club Ribeiras do Tambre ten a súa sede e, ademais, un emprazamento único onde os rapaces e rapazas de Ames e da contorna empezan a practicar este deporte. Agardo que os padexeiros e as padexeiras desfruten desta proba. O bo tempo témolo asegurado e o caudal non nos afecta, así que, moitos ánimos para os deportistas e que collan azos para a derradeira proba do circuíto, que se vai celebrar nas Pontes no mes de setembro”.

Unha vez rematada a competición, a entrega de premios terá lugar ás 20:00 horas, con pinchos para as persoas participantes e acompañantes ás 20:15 horas.