A praia fluvial de Tapia foi o escenario o sábado 5 de agosto doutra edición da regata provincial Circuíto praia fluvial de Tapia. O evento estivo organizado polo club de piragüismo Ribeiras do Tambre, a Federación Galega de Piragüismo e a Deputación, coa colaboración do Concello. Preto de 300 rapazas e rapaces das categorías base de 10 clubs da provincia da Coruña tomaron parte. As modalidades foron kaiak homes, kaiak mulleres, canoa homes, canoa mulleres e paracanoe. As categorías de idade, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete.
O Club Náutico Firrete, con 4.780 puntos, liderou a regata provincial. A segunda posición foi para o Club Piragüismo Rías Baixas, con 4.057 puntos. O terceiro foi o Club Cabanas KDM con 3.314 puntos. O amesán Ribeiras do Tambre acadou a sétima posición.
Na categoría cadete de kaiak, os destacados triunfos individuais foron para Hugo Méndez do Cabanas KDM e Cristina Piñeiro do Náutico Firrete. Na modalidade de canoa, César Prego do Piragüismo Rías Baixas levou a vitoria. Na categoría infantil, Martín Jaspe da Sociedade Deportiva As Xubias e Sabela Fernández do Piragüismo Rianxo alzáronse como gañadores nas súas respectivas probas de K1.
En kaiak masculino infantil B, Jairo García do Piragüismo Outes coroouse como vencedor, mentres que Andrea Amado do Cabanas KDM levou a vitoria na categoría feminina. Na modalidade de canoa, Manuel Sánchez do Piragüismo Rías Baixas e Sofía Pita do Náutico Firrete lograron a medalla de ouro.
Por último, na categoría Alevín A, Xoel Timiraos do Xuvenil As Pontes e Alba Amado do Cabanas KDM alzáronse como vencedores nas súas respectivas probas. Na categoría Alevín B, Diego López do Deportivo Miño e Sofía Iglesias do Deportivo Miño fixéronse coa primeira posición.
Tamén cómpre destacar os bos resultados obtidos polos rapaces e rapazas do club de piragüismo Ribeiras do Tambre. Lucía García Lema foi segunda na categoría prebenxamin K1; Lucía Faus Míguez tamén obtivo a segunda posición na categoría benxamín B K1; Daniel García Lema foi primeiro na categoría benxamín A K1; Hugo Leis Adrán foi segundo na categoría alevín A K1; e Elba Casal Romero foi terceira na categoría infantil A K1.