A través desta inicitiva se pretende fomentar a creatividade en lingua galega
O alumnado e profesorado dos centros de ensino de educación infantil e primaria de Ames realizaron unha selección de poemas de escritores e escritoras en lingua galega que teñen como temática xeral a natureza. Nesa selección tamén se incluíron algúns poemas creados pola propia rapazada. Os poemas plasmáronse en siluetas de lona con forma dunha peza de roupa e todas esas pezas de roupa, convertidas en obras de arte, colgáronse nos tendais dispostos polo Concello no paseo fluvial de Bertamiráns, na Travesía do Porto do Milladoiro e no Monte Escolar de Carballo, en Trasmonte. A exposición artístico poética ao aire libre permanecerá nos tendais ata o día 20 de xuño para que toda a veciñanza e todas as persoas que visiten o noso concello poidan gozar da frescura das nosas letras. Esta actividade encádrase no programa das Letras Galegas do Concello de Ames.
O alumnado do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, e das escolas unitarias de Ortoño e Covas tenderon os seus traballos no paseo fluvial de Bertamiráns. Os rapaces e rapazas do CEIP de Barouta colocáronnos nos tendais do monte escolar de Carballo, ao lado do Camiño de Fisterra, e por último, os nenos e nenas da EEI do Milladoiro tenderon os seus poemas no Camiño de Santiago ao seu paso pola Travesía do Porto.
Os obxectivos desta actividade, que se encadra dentro do progrma das Letras Galegas do Concello de Ames, son dinamizar o uso do galego entre os rapaces e rapazas de infantil e primaria, e entre toda a veciñanza en xeral. A través desta inicitiva tamén se pretende fomentar a creatividade en lingua galega; contribuír ao achegamento, á difusión e a visibilización da poesía galega; e sensibilizar sobre o respecto e o coidado do medio e do noso patrimonio natural e cultural.