A veciña do Milladoiro e deportisa do Club Súlyos de Compostela, Alba Santos, obtivo tres medallas de ouro no campionato de España de halterofilia que se disputou na Coruña en novembro. Santos, que competiu por primeira vez no campionato nacional absoluto, acadou a medalla de ouro en arrancada, levantando 46 quilos, 65 quilos en dous tempos e 111 quilos no total olímpico.
Esta foi a terceira vez que a deportista amesá participaba nunha competición oficial, e a primeira no campionato nacional absoluto. Especializada no crosffit, comezou a practicar halterofilia este mesmo ano e, en marzo, inscribiuse ao seu primeiro campionato nesta disciplina. Nel conseguiu os 111 puntos necesarios que a levarían a clasificarse para o campionato galego de maio.
As súas boas marcas fixérona ser seleccionada, con dous meses de antelación, para o campionato nacional na Coruña. Acudiu á cita “lesionada dun ombro e moi nerviosa”, explica. Porén, a amesá obtivo tres medalla de ouro. Xunto coas galegas Irene Martínez, Irene Blanco e Eva Fernández, Alba Santos conseguiu que Galicia gañase catro das dez categorías femininas disputadas, unha marca só superada pola delegación catalá.
Alba Santos segue coa esperanza de que haxa competicións nas dúas disciplinas e, a pesar de ser o seu primeiro ano federada na halterofilia, asegura que vai continuar preparándose neste deporte.