Trouleando volve este mes de xaneiro cunha mañá de patinaxe sobre xeo  

O programa Trouleando ofrece para comezar o ano unha nova actividade que conxuga diversión e deporte a partes iguais. Desta volta, trátase dunha xornada de patinaxe sobre xeo, que terá lugar na pista natural situada en Matogrande (A Coruña). A pista conta con 600 metros cadrados, nos que os participantes poderán patinar durante unha hora completa. 

A actividade terá lugar durante a mañá do sábado 28 de xaneiro, e ofrecerase un servizo de autobús con monitores acompañantes para todos os participantes, que sairán dende o Pazo da Peregrina (Bertamiráns) ás 10:00 horas, e dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 10:15 horas. O regreso estímase para as 14:15 horas no caso do Milladoiro e para as 14:30 horas a Bertamiráns. 

Os participantes deberán acudir con guantes, e tamén se recomenda que empreguen roupa cómoda de manga larga e protectora. O alugueiro de patíns xa está incluído na actividade.

Na actividade poden inscribirse todos os mozos e mozas que estean empadroados/as no Concello de Ames, dende os 12 anos cumpridos (nados no 2010). As persoas interesadas en participar deberán enviar a ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada ao enderezo electrónico omix@concellodeames.gal entre o 18 e o 21 de xaneiro. As prazas son limitadas, e serán asignadas en función da orde de chegada dos correos electrónicos. 

Por outra banda, será preciso contar cun mínimo de 20 persoas para desenvolver a actividade. En caso contrario, poderá ser anulada. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *