Últimos días para que empresas e autónomos soliciten as axudas do plan Ames Progresa

294

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, informou de que está próximo a finalizar o prazo para presentar solicitudes á convocatoria de axudas do plan Ames Progresa. Esta liña de subvencións está dirixida ao mantemento do emprego e do tecido empresarial local. Poden presentarse a elas as empresas e profesionais autónomos, que pecharon parcialmente entre os meses de xaneiro e outubro de 2021, por mor da situación epidemiolóxica e das restricións vixentes no momento do peche. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 20 de febreiro. O Concello investirá 120.000 euros nestas subvencións, que serán dun máximo de 1.500 euros.

As persoas e entidades que cumpran cos requisitos establecidos nas bases poderán solicitar a axuda, que servirá para financiar os gastos de mantemento das súas respectivas actividades económicas, entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2021. As subvencións poderán incluír os pagamentos e facturas de alugueiro, luz, telefonía, combustible ou gas, ata un máximo de 1.500 euros. O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicou o pasado 21 de xaneiro as bases reguladoras e a convocatoria das últimas subvencións deste plan dirixido ao mantemento do emprego e do tecido empresarial local. Este plan foi aprobado no pasado pleno ordinario de xullo para o período 2021-2023, cun orzamento total de 5.756.681,26 euros.

O prazo de presentación das axudas é de 30 días naturais a contar dende o 22 de xaneiro, o día seguinte á publicación no BOP do extracto da convocatoria e das bases reguladoras. Polo tanto, o prazo de presentación de solicitudes remata o domingo 20 de febreiro. Poderán concorrer á convocatoria microempresas, PEMES ou profesionais autónomos, que foran obxecto das medidas de peche parcial entre os meses de xaneiro e outubro de 2021, segundo o establecido na Orde do 3 de decembro de 2020, pola que se estableceron medidas de prevención específicas por mor da evolución da situación epidemiolóxica en Galicia.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, anima “a aquelas empresas, que aínda non o fixeran, a presentar as súas solicitudes para participar nesta convocatoria de axudas que está dirixida ao mantemento do emprego e do tecido empresarial local. Seguimos traballando para axudar a todas as empresas, comercio e hostalaría que pasaron por momentos difíciles a causa da Covid-19”.

As solicitudes de axuda deberán presentarse na Sede electrónica do Concello de Ames, seguindo os tres modelos normalizados anexos ás bases, e acompañándoos da documentación específica indicada. Para realizar o trámite, que debe ser asinado con certificado electrónico, hai que acceder á Sede electrónica e na marxe dereita do portal, debaixo dos apartados de pagos e trámites en liña, premer en Promoción Económica.