Un bando municipal recorda as normas para o Día de Defuntos

315

Diante da proximidade das datas nas que se celebran o día de Defuntos e o día de Todos os Santos, o Concello de Ames, a través dun Bando da Alcaldía, lembra á veciñanza a obrigatoriedade de usar máscara, gardar a distancia de seguridade e non tocar os elementos comúns do cemiterio. O bando recolle tamén a norma de que non poden acudir máis de cinco persoas xuntas e recomenda que a visita ao camposanto se faga antes do 31 de outubro. Por mor da situación epidemiolóxica concreta, no caso do Milladoiro, non poderán xuntarse persoas non conviventes.

O Bando, emitido o 27 de outubro de 2020, especifica que adopta estas medidas “diante da situación provocada pola evolución da pandemia da COVID-19, logo de ver como as administracións de ámbito superior van adoptando diferentes restricións, aplicables tamén ao noso Concello, e sendo coñecedores da importancia da festividade do Día de Defuntos e do Día de Todos os Santos (1 novembro e 2 de novembro)”. A emisión do Bando basease ademais no feito de que estes días adoitan congregarse no cemiterio moitas persoas, moitas vulnerables, durante un curto período de tempo, e da frecuencia dos desprazamentos entre localidades e o consecuente encontro de familiares. E por estes motivos que o goberno local, tendo como prioridade a saúde e seguridade da veciñanza, adopta e difunde a través dun bando as recomendación e as normas a seguir.

No Milladoiro non se poderán xuntar persoas non convivintes
As persoas que acudan ao cimiterio evitarán o contacto físico e manterán a distancia de seguridade interpersoal de, alomenos 1,5 metros.

Cumpriranse tamén as medidas de limitacións de agrupacións de persoas establecidas polas autoridades sanitarias para o global de Galicia (5 persoas) e aquelas que se adopten de maneira específica nos ámbitos territoriais nos que a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria faga necesario instaurar medidas máis restritivas, como é o caso do Milladoiro, onde se impiden as xuntanzas das persoas non convivintes.

O Bando lembra tamén a obriga de seguir a normativa vixente en Galicia en canto ao emprego obrigatorio de máscara cirúrxica/hixiénica.

Asemade lémbrase que non se poderá fumar na vía pública ou en espazos ao aire libre cando non se poda respectar unha distancia mínima interpersoal de, alomenos 2 metros, o que inclúe tamén aos cemiterios.

Haberá de respectarse un aforo máximo dunha persoa por cada catro metros cadrados.

Non tocar os elementos comúns e visitar o cemiterio antes do 31
O Bando especifica que deberá evitarase tocar elementos comúns, e concretamente poñerase especial atención naquelas zonas do cemiterio nas que se poida acumular xente, como poden ser as zonas de billa ou fonte.

Por último, a través deste Bando recoméndase fomentar a actividade de visita aos cemiterios nos días previos ao día 31 de outubro e prégase a cidadanía o cumprimento destas medidas: “Dende o Concello de Ames, pregamos que a veciñanza continúe actuando con responsabilidade e cumprindo coa totalidade de medidas establecidas polas autoridades sanitarias”.