Un centenar de mulleres formaranse laboralmente no InserAmes Brión

361

Ames e de Brión poñen a andar unha nova edición do Programa Integrado de Emprego. Cen mulleres desempregadas participarán neste programa que comezará a desenvolverse nas vindeiras semanas e rematará en novembro do 2021.

A edición actual do Programa Integrado de Emprego de Ames e Brión (2019-20) acadou unha porcentaxe de inserción laboral próxima ao 50% das persoas participantes. A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz destaca que “o obxectivo desta nova edición é a mellora da empregabilidade e a cualificación laboral das participantes, nunha situación coma actual de especial dificultade e que afecta en maior medida a colectivos vulnerables, integrados fundamentalmente por mulleres”.

Formación especializada e transversal
O obxectivo de inserción fixado para esta nova edición, que se celebra nun momento complicado en todos os sentidos, é do 40% das mulleres participantes. Todo un reto nas actuais circunstancias do mercado laboral actual. Para conseguir este obxectivo, durante o Programa, as participantes recibirán formación teórica especializada con prácticas en empresas, elixindo a que máis se adapte aos seus intereses de entre diferentes itinerarios formativos propostos, deseñados dacordo coas oportunidades laborais da nosa comarca. Atención sociosanitaria, comercio e atención ao público, ocio e tempo libre, turismo, limpeza, hostalería ou manexo de maquinaria son algúns dos campos nos que se poderán formar as partiiàntes neste obtradoiro.

Ademais, recibirán formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de emprego, marca persoal, comunicación, habilidades sociais,  intelixencia emocional e emprendemento. Tamén contarán co apoio de titorías persoais para o acompañamento na busca de emprego.

Para poder participar, as interesadas deben ter a súa residencia nos concellos de Ames ou Brión e estar inscritas como desempregadas na oficina de emprego.