A partir da vindeira semana o parque empresarial do Milladoiro disporá de preto de 100 novas prazas de estacionamento grazas a obra que vén de executar o Concello de Ames, que foi sufragada con cargo á primeira fase do POS+ Adicional 2/2021. A través de dita actuación incrementouse o número de prazas de estacionamento, pasando de 48 a 144, e ao mesmo tempo reordenouse o espazo, pero mantendo parte da zona verde. Dita actuación executouse na contorna das rúas Castiñeiras, Hedras, Oliveiras e Palmeiras. Ademais, dotouse de iluminación interior a ditos espazos e acondicionáronse as zonas axardinadas e sendas peonís. As obras foron adxudicadas á empresa NOVAVIAL SL por un importe de 141.023, 26 euros e serán recepcionadas o 14 de novembro.