Un día sen mortes en Galicia por COVID-19

257

Nas últimas 24 horas non se fixo público ningún falecemento a causa do coronavirus COVID-19 en Galicia. A Xunta identifica 3.486 casos activos na comunidade, o que son 40 menos que antes. Porén, o Ministerio de Sanidade informa de 22 novos casos activos de COVID-19 en Galicia, o que significa que o descenso dos casos acumulados que sinala a Xunta, sen referencia temporal, poden terse producido durante días previos. O cambio no criterio de reconto e de altas dificulta coñecer con exactitude a evolución da enfermidade.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa, por áreas, de 848 casos na área de Vigo, que adianta así á coruñesa en número de casos. Na Coruña son 820 os casos activos, con 707 en Ourense. En Santiago hai 498. En Lugo son 241, por 214 en Pontevedra e 158 en Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 47 permanecen en UCI, 334 están en unidades de hospitalización e 3.105 no domicilio. O número de PCR realizadas é de 96.095.

O groso dos casos continúan a darse en residencias da terceira idade ou de persoas dependentes, que rexistran o 30% dos casos activos entre usuarios e persoal, así como o 45,52% das mortes.