Un home sofre un paro cardíaco mentres nadaba na piscina da Telleira de Bertamiráns

221

O 112 Galicia recibiu esta mañá unha alerta por unha persoa con síntomas de afogamento na piscina da Telleira de Bertamiráns. Os profesionais sanitarios reanimaron a persoa, que foi trasladada ao Clínico de Santiago onde permanece ingresado.

O 112 Galicia recibiu o aviso pasadas as dez desta mañá mediante a chamada de alguén que se atopaba nas mesmas instalacións, e que observou como o home afogaba na auga. Decontado, activáronse os protocolos correspondentes para a mobilización dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como dos axentes da Policía Local de Ames e os membros do GES de Brión.

Tratábase das instalacións deportivas municipais da Telleira, situadas en Bertamiráns, na parroquia de Ortoño, onde acudiron os recursos de emerxencias aínda que sen a necesidade dos medios de rescate acuático, pois o home estaba xa fóra da auga. Iso si, foi necesaria a reanimación cardiopulmonar para a súa recuperación e posterior traslado ao centro hospitalario.

O home, de entre 60 e 70 anos, saíu da auga polo seu propio pé logo de sufrir unha indisposición mentres nadaba. O persoal da piscina tivo que facer manobras de reanimación e empregar un disfibrilador mentres agardaba pola chegada das urxencias sanitarias.