Un outono cargado de actividades en Ames

198

Teatro, cine, maxia, saídas ambientais, actividades para mocidades, actividades de animación á lectura e encontros literarios. O programa de outono do Concello de Ames destaca polo número de actividades e pola cooperación entre os departamentos que a prepararon. Destacan o Festival de Maxia, o Cinema Miúdo, as celebración do mes da Ciencia e do mes contra as Violencias de Xénero, os programas Troulenado, Youtubeiras, SexualizArte, as proxeccións de cine para adultos, a Feira de Outono que se celebrará por primeira vez no Concello e unha acampada para que os rapaces e rapazas coñezan o monte en outono.

“Satisfeita e orgullosa da programación sobre todo pola sensación de que se volve a normalidade”. Así se manifestou a concelleira de Cultura, Natividade González na rolda de prensa da presentación do Programa de Actividades de Outono no Concello de Ames. González celebrou a amplitude do aforo “que nos permitirá estar ao 90% en moitas actividades”, a recuperación de algúns programas que por mor da pandemia no se puideron celebrar o ano pasado “como o caso de Cinema Miúdo”, a consolidación doutros “como o Festival da Maxia ou o Programa de Encontros Literarios” e a cooperación que tiveron entre departamentos á hora de preparar moitas das actividades: “Cómpre salientar as que imos realizar en novembro para celebrar o Mes da Ciencia e o Mes contra as violencias de Xénero que elaboramos varias concellarías, como as De Benestar Social, Normalización, Medio Ambiente e Mocidade, en conxunto. A concelleira salientou tamén a continuidade do programa Trouleando, SexualizArte, e a programación de teatro e rematou a súa intervención falando de cine “Ademais do Cinema Miúdo, neste trimestre contaremos con tres longametraxes extraordinarias”.

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, fixo fincapé no especial que é o outono para o seu departamento: “Programamos saídas ambientais, saídas para buscar cogomelos, e cursos de poda, tan necesarios nesta época do ano”. Lens salientou que “este ano temos a gran novidade de que por primeira vez imos celebrar unha Feira de Outono para potenciar os produtos do rural  feira de outono que levaremos a cabo en Agrón e unha acampada de outono para que a rapazada coñeza o monte”

Puxo o broche á presentación o alcalde de ames, Blas García destacando o elevado número de actividades, a planificación e a diversidade: “Hai actividades de cultura, de mocidade, de Promoción Económica, da Aula da Natureza, de Normalización… destinadas a todas as veciñas e veciños que queiran saír da casa e que queiran empezar a vivir con normalidade a situación na que estamos e que esperemos que dure, iso si cumprindo as normas que están vixentes e que en breve, na próxima semana nos situarán na saída da crise sanitaria”. Destacou García que “Ames non deixa de ser un concello vivo, moi dinámico e buscamos dar resposta a ese dinamismo”.