Un total de 25 comercios de Ames adheríronse á campaña de tarxetas bono “Reactiva Ames”

400

Ao longo do mes de xullo foron 25 os establecementos que se sumaron á campaña de tarxetas bono “Reactiva Ames” da concellaría de Promoción Económica. A iniciativa pretende fomentar a compra no comercio local. Tras o éxito da primeira edición o Concello de Ames pon en marcha a segunda parte da campaña con 26.670,80 euros. “Reactiva Ames” lanza dous tipos de bonos para mercar nos establecementos comerciais do Concello de Ames: un polo que se pagarán 30 euros e se obterán 50€ para gastar, e outro que custará 60 euros e terá un valor á hora de realizar as compras de 100€. A concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, manifestou “dende a concellaría estamos traballando para poñer máis tarxetas en circulación. Imos axudar ao comercio local e á hostalería con todas as axudas posibles e si son directas moito mellor”.

A campaña está dirixida a todos os comercios e locais de hostalería e restauración do termo municipal de Ames. Dende que comezou o prazo de inscrición o pasado 16 de xullo sumáronse 25 novos establecementos a esta segunda fase da campaña, aos que hai que sumar os 170 establecementos que xa se participaran na primeira parte da campaña.  Aqueles establecementos que queiran adherirse poden facelo ata o 15 de agosto.

Poden sumarse todos os establecementos comerciais do concello excepto os espazos de gran distribución destinados á alimentación (hipermercados ou supermercados pertencentes a grandes cadeas), as estacións de servizo de combustible, e as salas de xogo/apostas. Quedarán tamén excluídos as farmacias e demais establecementos sanitarios, así como os estancos. A modo aclaratorio quedan incluídos dentro da campaña as ópticas, as clínicas veterinarias, os psicotécnicos, as clínicas dentais, os establecementos ortopédicos e as parafarmacias.

As tarxetas tampouco serán válidas para a compra en tendas on-line, a través da Internet. A lista definitiva de establecementos adheridos á iniciativa publicarase tanto na páxina web da entidade colaboradora (www.xuntanzadeempresariosdeames.gal) como na páxina web do Concello de Ames.

Trámite de solicitude para realizar a adhesión
O prazo de inscrición na campaña para os establecementos comerciais está aberto ata o 15 de agosto incluído . Para inscribirse hai que entrar na Sede electrónica do Concello de Amese cubrir a solicitude que se atopa debaixo do apartado de Trámites en liña co nome de Tarxetas bono. Para poder cubrir o impreso de solicitude é necesario identificarse con certificado dixital ou DNI electrónico. É importante que as persoas que cubran dita solicitude acheguen o código de comercio para que todos os datos da solicitude estean correctos. Premendo nesta ligazón podes ver que é o código de comercio (sae na copia de compra de calquera operación realizada a través dunha TPV).

A primeira fase da campaña “Reactiva Ames” superou todas as expectativas. Realizáronse preto de 8.500 operacións cun gasto de 173.299 euros. Ao longo da primeira edición fixéronse 164 operacións nos 170 establecementos adheridos. Os sectores máis demandados foron os da alimentación, o téxtil, o dos electrodomésticos, as librarías e a hostalaría.