Un tótem marcará en Bertamiráns a última etapa do Camiño da Ría Muros Noia

381

Da Praza da Maía parte o último tramo do Camiño de Santiago da Ría Muros Noia, unha ruta que conxuga mar e montaña. É por iso que o Concello traballa no deseño dun tótem que marcara desde finais deste ano a última etapa a pé do trazado.

O Camiño da Ría de Muros e Noia foi declarado oficial o 15 de decembro de 2020 despois de tres anos de investigacións, en pé de igualdade cos camiños Francés, Portugués, Inglés e Primitivo. O itinerario atravesa os municipios de Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión e Ames, última parada previa a Compostela.

Ames convértese así nun concello sucado por tres dos camiños xacobeos: o que vén de Portugal, o de Fisterra e o de Muros e Noia. No anuncio da instalación do tótem, o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, lembrou que se trata dunha ruta “moi atractiva” por combinar “a Galicia costeira coa Galicia interior ofrecéndolle aos peregrinos o mellor da cada unha.” Engadiu que esta nova ruta porá en valor “as aldeas das parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído polas que transcorre ata Santiago de Compostela”. Ademais, Bertamiráns ofrece todos os servizos necesarios para o peregrino.

Camiño dende Bertamiráns

Son 12 os quilómetros que separan a Praza da Maía, en Bertamiráns, da Praza do Obradoiro, en Compostela. O camiño polo concello transcorre entre estradas locais e agradables paisaxes onde se alternan os bosques e os cultivos.

O trazado entra no noso concello pola aldea de Carballido para continuar polo lugar de Cantalarrana, dúas aldeas tras as cales se abre paso o núcleo de Bertamiráns. A praza da Maía alzarase como punto neurálxico do camiño coa colocación dun tótem a finais de ano. Dende esta praza a ruta lévanos cara a Condomiña para adentrarnos na parroquia de Ortoño, un lugar simbólico onde Rosalía de Castro pasou parte da súa infancia. Na aldea da Tarroeira encontramos o domicilio da familia paterna da poeta e onde en 1923 se fundou o Seminario de Estudios Gallegos. Continuando o camiño os peregrinos poderán desfrutar do cruceiro e da igrexa de san Xoán de Ortoño situada no lugar do Santo.

Pasado Ortoño o camiño entra na parroquia de Bugallido concretamente percorrendo as aldeas de Mourigade, Outeiro e Barreiro. Neste tramo os camiñantes poderán gozar dunha paisaxe que mestura as vivendas cos campos de cultivo. A aldea de Mourigade destaca polas vivendas rehabilitadas a partir de construcións antigas e os vellos muros que as rodean. Coa chegada á aldea de Barreiro mergullámonos nun tramo de bosque onde a natureza e a tranquilidade nos acompañan ata a fin do termo municipal, que abandonaremos pola aldea de Fraiz, na parroquia de Biduído.

Promoción desta ruta

O trazado do Camiño de Santiago Muros Noia que percorre o Concello de Ames foi exposto polo concelleiro de Turismo, Manuel Lens, na Feira Internacional do Turismo en Madrid a través dun vídeo.

Dende a concellaría de Turismo mantiveron, tamén, reunións con empresarios do sector turístico, do ámbito cultural, con asociacións de veciños e artesáns para potenciar e desenvolver actividades ao abeiro desta prometedora ruta.

Ademais ao longo do curso os alumnos do CEIP Agro do Muíño traballaron as distintas rutas xacobeas para culminar realizando o tramo que discorre entre a aldea do Santo, en Ortoño, ata Compostela.

Primeiros peregrinos

Os primeiros peregrinos en probar esta ruta non se fixeron agardar. O día 17 do pasado mes de xuño un grupo de xornalistas realizaron esta ruta para vivir a experiencia e ao mesmo tempo dar conta aos seus lectores de todas e cada unha das xoias que agocha.

Unha semana despois outro grupo de xornalistas achegouse a Bertamiráns para coñecer da man do alcalde; Blas García, do concelleiro de Turismo, Manuel Lens, e do concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, todas as bondades deste camiño.

O pasado domingo 11 de xullo o concello recibiu unha peregrinación do Clube Náutico de Baiona. Un total de 25 embarcacións chegaron a Portosín na xornada do sábado para parte delas continuar o domingo a xornada a pé que une Bertamiráns con Santiago de Compostela.