Unanimidade plenaria a prol do Plan director do parque arqueolóxico Compostela Rupestre

55

Este martes, 31 de maio, celebrouse a sesión ordinaria do pleno de maio no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade todos os puntos recollidos na orde do día. Deste xeito, aprobouse o proxecto modificado das obras de reforma de vestiarios do campo de fútbol de Bertamiráns (POS+ 2020), o Plan director do Parque arqueolóxico Compostela Rupestre, a modificación da Ordenanza número 5 reguladora do prezo público pola prestación do servizo das escolas infantís municipais, a alteración da cualificación xurídica dunha superficie de terreo de 327 metros cadrados no cemiterio parroquial de Biduído, a undécima modificación puntual da Relación de Postos de Traballo, o Plan de medidas antifraude do Concello de Ames e mailo primeiro suplemento de crédito de 2022.

O pleno comezou coa Corporación municipal gardando un minuto de silencio polo último caso de violencia machista dunha muller galega. Clotilde, tiña 83 años, e foi asasinada pola súa parella en Arona, Tenerife, mentres pasaban uns días de vacacións na illa. De seguido, o alcalde deu conta ao Pleno dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o pleno do pasado mes de abril aprobáronse os decretos que van do 1.172 ata o 1.610, aprobándose un total de 438 decretos.

Neste mesmo apartado a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, deu conta do decreto de liquidación do exercicio 2021 que foi aprobada por decreto de Alcaldía o pasado 19 de maio. A liquidación do orzamento de gastos, de obrigas recoñecidas, ascendeu a 27.039.000 euros, mentres que a liquidación do orzamentos de ingresos foi de 28.355.000 euros. “Volvemos a recuperar a estabilidade orzamentaria. No exercicio 2020 dita estabilidade orzamentaria sufriu un pequeno retroceso debido á pandemia, pero en 2021 volveuse a recuperar. En 2021 temos un resultado orzamentario axustado que ascende a 1.750.000 euros e seguimos a dispor dun remanente de tesouraría alto de 9.366.000 euros”, explicou Genma Otero.

Ademais, a concelleira de Economía e Facenda deu a información periódica a render ao Pleno, correspondente ao primeiro trimestre do exercicio 2022. Deste xeito, informouse da execución do orzamento ao remate do primeiro trimestre de 2022, do período medio de pago e da información trimestral de morosidade. Genma Otero informou de que o período medio de pago a provedores está en 31,39 días.

No apartado de deliberación e acordo abordouse en primeiro lugar a aprobación da acta do pleno ordinario do mes de abril que foi aprobada por unanimidade. A continuación tratouse a aprobación do proxecto modificado das obras de reforma de vestiarios do campo de fútbol de Bertamiráns, incluído no POS+ 2020, que tamén foi aprobado por unanimidade.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, explicou que durante a execución das obras xurdiu a necesidade de tramitar unha modificación do proxecto, sen variación económica, para dar una mellor resposta ás necesidades existentes nos vestiarios. Segundo o recollido no proxecto modificado vanse executar unicamente modificacións de carácter non substancial, que consisten en manter a primeira fila de gradas, eliminar un peche de cristal no corredor dos vestiarios e complementar as instalación de fontanería e electricidade, sen que varíe o presuposto inicial.

Parque arqueolóxico Compostela Rupestre
Por outra banda, debateuse a aprobación do Plan director do Parque arqueolóxico Compostela Rupestre. Cada un dos Concellos que forman parte da mancomunidade de Compostela Rupestre ten que aprobar en pleno dito plan. Deste xeito, o Pleno do Concello de Ames aprobouno onte por unanimidade de toda a Corporación.  

O concelleiro de Patrimonio Histórico, David Santomil, lembrou que o 18 de setembro de 2018 asinouse o convenio polo que se estableceron as bases de cooperación entre a Deputación provincial da Coruña e os concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra para o proxecto parque arqueolóxico Compostela Rupestre, que está dotado dun Consello de dirección, que é onde se acordan as principais accións a desenvolver.

Posteriormente, en novembro de 2020, a Deputación da Coruña iniciou o proceso de contratación do servizo de redacción do Plan Director do Parque Arqueolóxico. No mes de marzo de 2021, resólvese a adxudicación a favor da empresa Trivium, estratexias en cultura e turismo SL, por un importe total de 77.440 euros (IVE engadido).

O documento presentado do Plan Director articúlase en catro grandes bloques (Fase I de documentación, estudo e avaliación da información; Fase II de programa de actuacións; Fase III para a definición do sistema de administración e xestión do parque rupestre; e Fase IV para programa de seguimento e avaliación. O plan director presentado inclúe os estudos, avaliacións e programas de actuación imprescindibles para afrontar e garantir a necesaria investigación, conservación, protección e divulgación das estacións rupestres localizadas no ámbito do proxecto. Por outra banda, plantexa estratexias e liñas de acción viables para xestionar e impulsar a curto, medio e longo prazo o parque arqueolóxico de Compostela Rupestre.

Gratuidade das escolas infantís municipais
No pleno ordinario de maio tamén se aprobou por unanimidade a aprobación inicial da modificación da ordenanza número 5, que reguladora o prezo público pola prestación do servizo das escolas infantís municipais do Concello de Ames, co obxecto de acollerse a gratuidade da atención educativa, ao abeiro da modificación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de Servizos Sociais de Galicia, establecendo unha bonificación do 100% do prezo correspondente a partires do curso 2022-2023.

Cemiterio parroquial de Biduído
Tamén se aprobou por unanimidade a alteración da cualificación xurídica dunha superficie de terreo de 327 metros cadrados no cemiterio parroquial de Biduído. O concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, explicou que o Pleno do Concello de Ames, na sesión de abril de 1993, adoptou un acordo para a cesión gratuíta a Igrexa Católica dunha parcela de 1.000 metros cadrados cualificada como de equipamento xeral para a ampliación do cemiterio de Biduído. Posteriormente realizáronse as obras de ampliación do cemiterio parroquial de Biduído, resultando segundo medición xeoreferenciada realizada recentemente que a obra de ampliación abarcou un total 1.327 metros cadrados, no lugar de os 1.000 metros cadrados previstos e que foran cedidos para dito fin.

Co obxectivo de regularizar esta situación é necesario formalizar unha nova cesión de 327 metros cadrados a Igrexa Católica, co obxecto de complementar a cesión inicial de 1.000 metros cadrados, adaptando a situación xurídica dos terreos sobre os que se realizou a ampliación do cemiterio á realidade física. Para iso o Pleno aprobou a desafectación do dominio público da franxa de superficie de 327 metros cadrados necesarios para regularizar dita situación.

Undécima modificación da RPT
Ademais, abordarase a undécima modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ames, que foi negociada previamente na Mesa Xeral de Negociación. Este punto foi aprobado por unanimidade. O concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, dixo que se incorporará á RPT a creación, dentro do departamento de Policía Local, dun novo posto de oficial derivado da amortización dun posto de Policía Local actualmente vacante por xubilación.

Tamén se incorporará á RPT, polo seu carácter estrutural, un posto de técnico/a do Ciclo Integral da Auga adscrito ao departamento de Infraestruturas, Obras e Servizos Básicos; e incluíranse á RPT, polo seu carácter estrutural, dous postos de técnicos/as de medios de inserción laboral, adscritos ao servizo de Promoción Económica e ao departamento de Promoción Económica, Turismo e Medio Ambiente.

Plan de medidas antifraude
Ademais, abordouse a aprobación do Plan de medidas antifraude do Concello de Ames, que foi aprobado por unanimidade. A concelleira de Transparencia, Vanessa Vidal, lembrou que na sesión plenaria do 28 de abril de 2022 o Pleno do Concello de Ames aprobou por unanimidade a declaración institucional de loita contra a fraude, pola que a Corporación municipal se compromete a adoptar e cumprir medidas de loita contra a fraude e en particular á aprobación dun Plan de medidas antifraude.

Deste xeito, considérase que a aprobación deste plan é un dos primeiros pasos necesarios para o acceso a fondos do mecanismo de recuperación e resiliencia, que permitirán continuar avanzando nas actuacións de transformación dixital, cohesión social e territorial, igualdade e transición ecolóxica.

Suplemento de crédito 1/2022
Por último, abordouse a aprobación do primeiro suplemento de crédito de 2022, que tamén foi aprobado por unanimidade. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explicou que o Concello de Ames aprobou en xullo de 2021 un Plan denominado “Ames Progresa 2021-2023”. Dito plan tiña por obxecto poñer en marcha medidas para paliar a difícil situación económica provocada pola Covid-19. Ademais, pretendía impulsar, reforzar, reactivar e dinamizar a economía amesá, obxectivo urxente e prioritario debido á situación económica e á persistencia da crise sanitaria e incertezas que leva aparellada e que derivan nun forte impacto negativo nas economías locais.

Parte das medidas incluídas no plan foron postas en marcha no segundo semestre de 2021. Outras poranse en marcha ao longo deste ano 2022 e outras deben ser reconfiguradas para atender ás novas necesidades que foron xurdindo nestes meses. Os remanentes de crédito que se refiren a investimentos que aínda non se iniciaron ou que aínda non remataron serán obxecto de incorporación ao 2021, mediante a correspondente modificación orzamentaria. Sen embargo para novas actuacións que se van a poñer en marcha en 2022 é necesario dotar crédito no orzamento a través dun suplemento de crédito. Así mesmo no suplemento recóllese crédito para proxectos que para iniciarase ou continuar coa licitación necesitan adaptar os prezos debido aos incrementos de prezo das obras. Deste xeito, recóllense actuacións por valor de 1.950.047,39 euros.

O suplemento de crédito tamén servirá para financiar todos aqueles investimentos que se recollían no Orzamento 2022 para financiarse cun préstamo. Realizada a liquidación pasaría a financiarse co remanente de tesourería do exercicio 2021, que ascende a 9.366.000 euros, evitando así acudir ao endebedamento.