Unanimidade plenaria para a cesión da avenida da Peregrina

390

O pleno de Mazaricos reunido na súa sesión ordinaria do mes de marzo, celebrado onte, deu luz verde ao convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Ames para a cesión da avenida da Peregrina co obxectivo de que pase a ser de titularidade municipal. O acordo unánime supón non só que o tramo urbano da AC-544 entre a rotonda da avenida da Maía e a da AG-56 pase ao Concello, senón que recolle a execución de obras de acondicionamento na avenida da Peregrina, dende a intersección da avenida da Maía ara a rúa do Bosque. O orzamento será de case 82.000 euros e con esta obra mellorarase o pavimento de calzadas, beiravías e estacionamentos. Estas actuacións complétanse coa sinalización horizontal mediante a reposición das liñas existentes, pintado de vaos, zonas de carga e descarga, prazas de estacionamento para persoas de mobilidade reducida, pasos de peóns, símbolos e frechas.

O pleno ordinario do mes de marzo comezou cun minuto de silencio pola última vítima da violencia de xénero. Posteriormente debatéronse e aprobáronse por unanimidade dúas declaracións institucionais. A primeira condena a guerra en Ucraína e reclama a saída das tropas rusas daquel país. A segunda apoia a candidatura do xenetista e veciño de Ames Ángel Carracedo ao Premio Princesa de Asturias.

De seguido o alcalde de Ames, Blas García, deu conta ao Pleno dos decretos ditados pola alcaldía dende a última sesión plenaria. Aprobáronse 408 novos decretos. Tamén se deu conta do plan orzamentario a medio prazo.

Convenio con Correos
O primeiro dos puntos a deliberar foi a aprobación dun convenio de colaboración coa Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos, para facilitar o pagamento tributos municipais a través de xiro postal. Dado que a Deputación da Coruña tamén vai asinar este convenio, a veciñanza amesá vai poder empregar este servizo para pagar todos os impostos, taxas ou servizos do Concello de Ames mediante este sistema de xiro postal. O apoio foi tamén unánime.

Recoñecemento extraxudicial de crédito
A continuación a concelleira de Economía e Facenda propúxolle ao pleno a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 281.572,89 euros, no que se inclúen gastos realizados no exercicio 2021. A concelleira defendeu que o pagamento de ditos gastos é necesario para non interromper o normal funcionamento do Concello, xa que gran parte dos mesmos responden a servizos, actividades ou programas postos en marcha dende hai anos e que aínda que non son obrigatorios para o Concello gozan dunha ampla aceptación por parte da veciñanza. Dita proposta saíu adiante ao ser aprobada por unanimidade pola Corporación municipal.

Contrato de concesión do centro deportivo municipal A Telleira
Outros dos temas que se abordou no pleno ordinario deste mes de marzo foi a aprobación definitiva do restablecemento do equilibrio económico do contrato de concesión da xestión e mantemento do complexo da piscina cuberta do centro deportivo municipal A Telleira. Durante o período que vai do 14 de marzo de 2020 ata o 21 de xuño de 2020 dito contrato veuse alterado pola Covid-19. Segundo explicou a concelleira de Deportes, Susana Señorís, o restablecemento do equilibrio económico de dito contrato pasa por aprobar unha prórroga polo prazo de 18 meses para a xestión, explotación e mantemento do Centro deportivo municipal A Telleira, que sitúa a finalización do contrato no 9 de setembro de 2024. Este punto foi aprobado cos votos a favor dos membros do Goberno municipal, dos concelleiros do grupo popular e do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego. O concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, abstívose.

Contrato de servizos de monitores nos programas de conciliación
O Pleno aprobou por unanimidade un dos contratos máis importantes do Concello. Trátase do contrato de servizos de monitores nos programas municipais de conciliación (Comedores Escolares, Bos días Cole e Tardes Divertidas), que foi adxudicado á empresa A Billarda por un importe de 2.923.376,20 euros. A duración inicial do contrato é de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluíndo período inicial e prórrogas). A prestación do servizo dará comezo no mes de setembro de 2022. No contrato, ademais da prestación dos propios servizos, inclúense plans de formación para o persoal.

O contrato divídese en tres lotes claramente diferenciados. Un para o servizo de monitores do servizo complementario de educación “Comedores Escolares” e para realizar actividades de lecer antes e/ou despois da comida. Este primeiro lote foi adxudicado por un importe de 2.086.939,92 euros. Un segundo lote para o servizo de monitores para o coidado e atención dos nenos, para realizar actividades de lecer e para o almorzo do servizo “Bos Días Cole”, que foi adxudicado por un importe de 334.817,62 euros. E por último, un lote co servizo de monitores, para realizar actividades de lecer e coas merendas do servizo complementario de educación “Tardes Divertidas”, adxudicado polo importe 501.618,78 euros.

Axenda Urbana 2030
Por outra banda aprobouse, tamén, por unanimidade a posta en marcha da definición e implementación da Axenda Urbana de Ames e do correspondente Plan estratéxico de Acción Local. Segundo o concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, este documento é fundamental  para poder acceder aos fondos europeos e estatais “a Axenda Urbana é un documento fundamental e estratéxico que vai permitir deseñar o Ames do futuro, o Ames dos próximos 5 ou 10 anos”. E engadiu “este é o pistoletazo de saída dun documento consensuado, participativo e froito do traballo e da corresponsabilidade de todos e todas pois vai transcender a un ou dous mandatos polo que ten que ser un proxecto de todos”.

O concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, defendeu que “a Axenda Urbana ten que ser un documento de todos e todas para que a veciñanza non o vexa como algo parcial e politizado”. Quique Costas, o concelleiro de Ames Novo,  sumouse á importancia deste documento “é un documento estratéxico que relata que Concello queremos ser partindo do que temos e do que queremos mellorar, a Axenda Urbana é un documento de futuro”. Pola súa banda a voceira do Partido Popular, Oliva Agra, manifestou o seu apoio pero con reservas “dende o Partido Popular sumámonos a ese apoio pero o que pedimos é que non se quede nunha iniciativa e se leve a cabo”.

Modificación puntual do PXOM
Tamén se aprobou por unanimidade a aprobación inicial da modificación puntual do PXOM de Ames para executar a reordenación do espazo urbano que se atopa na confluencia entre a avenida da Peregrina e maila travesía do Lodeiro. O ámbito no que se pretende realizar a modificación puntual está constituído por dúas parcelas de dominio público e unha zona destinada a viario que suman un total de 4.410 metros cadrados.

Unha das parcelas corresponde cunha zona cualificada para uso de equipamento administrativo que ten unha superficie de 1.962 metros cadrados. Na segunda parcela, que conta cunha superficie de 1.126 metros cadrados, hai unha antiga vivenda que é propiedade do Concello de Ames, destinada actualmente a almacén, e tamén existe un hórreo. O obxectivo é reordenar este espazo para flexibilizar o futuro uso de ditas parcelas.

Mocións
No pleno ordinario de marzo tamén se debateron tres mocións presentadas por vía de urxencia. Na primeira, aprobada por unanimidade, solicítase á Deputación da Coruña a cesión ao Concello de Ames de tres tramos de estradas provinciais: estrada DP 0203 Bertamiráns a Augapesada; estrada DP 0205 Bertamiráns á Ramallosa; e mailo treito urbano da estrada DP 0206 Milladoiro a Biduído.    

A segunda moción debatida foi presentada polos grupos municipais do BNG, Contigo Podemos e Ames Novo. Nela faise unha proposta de acordo instando ao Goberno Español a reconsiderar o seu cambio de postura sobre o Sáhara Occidental. Esta moción foi aprobada cos votos a favor dos concelleiros e concelleiras dos grupos municipais do BNG, Contigo Podemos e Ames Novo, mentres que os/as edís dos grupos municipais do PSOE, PP e Ciudadanos, abstivéronse.

A terceira e última moción tratada foi presentada polo BNG sobre ás actuacións que deben de impulsar os gobernos galego e central para mitigar o impacto do medre disparado da inflación na sociedade e economía galegas. Esta moción foi rexeitada co voto en contra dos concelleiros e concelleiras dos grupos municipais do PSOE, PP e Contigo Podemos, mentres que os concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos, abstivéronse. Loxicamente os/as edís do grupo propoñente, BNG, votaron a favor.