Unanimidade sobre o horario de apertura e peche de terrazas

127

O Pleno do Concello de Ames aprobou por unanimidade o horario de apertura e peche de terrazas no Concello de Ames. Este horario é froito do acordo ao que chegaron o Goberno Municipal e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e a Asociación Empresarial da Restauración, Aloxamento e Turismo de Compostela e Comarcas “Hostalaria.Gal”.

Este acordo establece que o horario de apertura todos os días do ano será ás 9.00 horas. O horario de peche será diferente segundo a temporada. Na temporada 1, de outubro a marzo, pecharase as 00:00h de domingo a xoves, e a 01:00h os venres, sábados e vésperas de festivo. Na temporada 2, de abril a setembro, as terrazas pecharán a 01:00h de domingo a xoves, e ás 2.00h os venres, sábados e vésperas de festivo. 

O concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández, quixo agradecer o voto favorable de todos os grupos políticos e destacou “esta é unha proposta xenerosa que amplía o horario de uso das terrazas en media hora pero coa que queremos conciliar os intereses dos hostaleiros e os dos veciños e veciñas”. E engadiu “con esta regulación preténdese, ademais, impulsar a legalización das terrazas e axilizar dito trámite para  acadar unha unificación do sector hostaleiro de Ames”.

O concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, aproveitou a súa quenda de palabra para anunciar o seu apoio ao regulamento. “O novo horario de apertura e peche de terrazas foi consensuado coas distintas asociacións implicadas polo que dende Ciudadanos imos apoiar os novos horarios”.

O concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, manifestou “trátase dunha proposta bastante xenerosa pois o hostaleiro foi un sector prexudicado pola COVID e estou ao favor de que se apoie pero pido que se teñan en conta dúas consideracións: que se compatibilice a nova normativa coa convivencia cidadá, sobre todo, en materia de ruídos e que se axilicen os trámites para regularizar as terrazas”.

A concelleira do Partido Popular, Oliva Agra, empregou a súa quenda de intervencións para adiantar o seu voto favorable.