Unha exposición para concienciar á mocidade contra a violencia machista

O concello de Ames é a nova parada da exposición “Amigo, dáte conta”, estreada o pasado día 10 de novembro como parte do programa de actos que a Delegación do Goberno levou a cabo con motivo do Día Internacional contra a violencia de xénero. 

A través de carteis informativos e viñetas, a exposición mostra actitudes relacionadas coa violencia machista, fundamentalmente no ámbito da parella, para concienciar á poboación máis nova.

Esta iniciativa do Goberno de España estará durante todo o mes de febreiro na praza da Maía, en Bertamiráns, e consta de seis prismas que recrean conversas cotiás a través dunha linguaxe máis próxima á xuventude, con carteis informativos e viñetas que reflicten actitudes e realidades de violencias machistas, en especial no ámbito da parella.Nos debuxos reflíctense situacións e comportamentos de desprezo, machismo, violencia psicolóxica, abuso emocional e obsesión. Ademais das viñetas, na exposición pódense ler varias frases con datos sobre violencias procedentes dun estudo do Ministerio de Igualdade.

O Delegado do Goberno, Pedro Blanco, expuxo no acto de inauguración que “no Goberno temos moi claro que non imos parar ata alcanzar unha sociedade igualitaria, inclusiva e xusta. E esta exposición responde a este obxectivo. Erradicar a violencia de xénero é tarefa de todos e todas, pero é máis importante aínda fomentalo nos grupos de idade máis novos, porque son os que están a construír a sociedade do futuro. Ames é un exemplo de como se debe traballar en igualdade e na loita contra a violencia de xénero, e tamén en protección das vítimas”.

O alcalde, Blas García, recordou que “os valores que inculquemos hoxe serán os que predominen no Ames do futuro e eu quero un Ames igualitario e libre de violencia de xénero”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *