Unha gran alfombra floral en Pousada

558

Para a elaboración do tapiz empregáronse desde flores e tulla, ata pousos de café, trigo e serraduras tinxidas

Este domingo, 27 de agosto, o lugar de Pousada, na parroquia de Ames, honrou á Virxe de Lourdes coa realización dunha alfombra floral de sesenta metros de longo. O tapiz, elaborado por membros da Asociación Cultural de San Xoanciño de Pousada co apoio de veciñanza de varias lugares da contorna, foi visitado por numeroso público.

O festexo deste domingo comezou ás 13:00 horas coa celebración dunha misa solemne oficiada polo párroco Manuel Blanco e acompañada polo Coro de Ames. A actuación dos Castros, patrocinada polo Concello, produciuse posteriormente no adro, diante da alfombra.

O tapiz, que é elaborado anualmente polos membros da Asociación Cultural de San Xoanciño de Pousada co apoio da veciñanza de varios lugares de contorna, contou este ano con 60 metros de lonxitude. Para a súa elaboración, cerca de medio centenar de persoas estiveron a debullar tulla e a esfolar flores ao longo da semana pasada.

O Irmán Luís de Oseira foi o encargado da realización do deseño da alfombra, que inclúe, alén do corredor floral de 60 metros de longo, dous modelos: un da Virxe de Lourdes e outro da de Fátima. Para a elaboración do tapiz empregáronse desde flores e tulla, ata pousos de café, trigo e serraduras tinxidas.